As eleccións a ollos de... Anxo Quintana

"Unha campaña tan españolizada é nociva para os intereses dos galegos e das galegas"

O ex vicepresidente da Xunta recoñece que segue a campaña electoral “desde a distancia”. Unha campaña, engade, “moi españolizada” e na que está a ser “difícil” introducir unha “axenda galega”. Sitúa o seu interese nas votacións do 28 de abril en ”saber até que punto Galiza vai ter ou non representación propia”.

quintana
photo_camera Anxo Quintana

Anxo Quintana foi alcalde de Allariz (1989-1999), senador nas Cortes españolas (2000-2005) e vicepresidente da Xunta de Galiza entre 2005 e 2009. Quen fora portavoz nacional do BNG entre 2003 e 2009 leva anos retirado da primeira liña da política. Ve a campaña “desde a distancia”, advirte ao inicio da pequena conversa con Sermos Galiza, mais considera que esta, a campaña, está “moi españolizada”, un factor que fai que sexa “moi difícil introducir a axenda galega e o debate sobre Galiza na campaña electoral”.

Os debates televisados entre as principais forzas estatais contribúen, engade, a “fortalecer aínda máis esa españolización da campaña, que creo é tremendamente nociva para Galiza e para os intereses dos galegos e das galegas”.

O gran reto da vindeira lexislatura é que Galiza estea presente

Quintana sitúa o interese da campaña e das votacións do 28 de abril en "saber até que punto, e a pesar destes pesares, Galiza vai ter ou non representación propia no Congreso”.

O día despois do 28A iniciarase unha nova lexislatura e nela o debate territorial vai ser determinante, considera. “Sexa cal for o resultado [das votacións do domingo], gañe o chamado bloque da dereita ou o da esquerda a vindeira vai ser unha lexislatura de debate territorial”, manifesta.

“Se gaña a dereita, haberá unha recentralización que sería tremendamente prexudicial para Galiza e no caso de gañar o bloque da esquerda, se ben iso non é garantía de nada, si que se abriría o debate e camiñarase sen dúbida cara a un Estado asimétrico”. Sexa como for, o ex vicepresidente galego entende que “o valor das nacionalidades vai a cobrar maior peso e nese debate resulta fundamental que estea Galiza e Galiza só vai estar se ten unha representación política propia. Ese é o gran reto da vindeira lexislatura e a importancia de que Galiza estea presente”.

Comentarios