Campaña de protestas contra a modificación horaria ao persoal das tendas de inditex

Impulsada pola CIG. Vídeo no interior.

inditex
photo_camera (CIG)

A Federación de Servizos da CIG porá en marcha unha campaña de mobilizacións para rexeitar a “modificación unilateral das condicións de traballo imposta por Inditex ao persoal das tendas”. O sindicato indica que a dirección da compañía téxtil negouse a dar marcha atrás na súa decisión na xuntanza celebrada esta mañá na Inspección de Traballo a raíz das denuncias presentadas pola CIG.

A central sinala que Inditex modificou o pasado día 18, “de forma unilateral e dun día para outro”, os horarios do persoal de tendas en todo o Estado, decisión que incluíu tamén as traballadoras que teñen redución de xornada por coidado de crianzas, o que supón un ataque directo contra o dereito de conciliación da vida laboral e familiar. ”. 

Isto supón para o sindicato unha modificación substancial das condicións de traballo coa que, afirman, Inditex "pretende recuperar os cartos que non aforrou ao non aplicar un ERTE á conta dos dereitos das persoas traballadoras e da conciliación da súa vida laboral e familiar”.

“En consecuencia, o persoal do grupo propiedade de Amancio Ortega queda sen día libre, límite de tardes e librada de fin de semana, “e nin sequera poderán gozar en moitos casos do descanso semanal mínimo que establece a lei”.

Máis grave aínda consideran a decisión de incluír nesta modificación a todo o persoal que goza de concreción horaria por conciliación da vida laboral e familiar, e que en moitos casos logrou este dereito tras reclamacións xudiciais.

As traballadoras denuncian o feito de que “sempre sexamos nós, as empregadas das tendas, as que pagamos as consecuencias, porque estas medidas non se aplicaron por exemplo en loxística ou na central”.

Comentarios