Campaña pola recuperación dos dereitos laborais e retributivos do persoal do Sergas

Impulsada pola CIG, demanda a eliminación da taxa de reposición, unha OPE co 100% das prazas ou cobrar todo o complemento específico.

20-06-18_ConcentracionCIGSaude_RecuperacionDereitos_01
photo_camera Concentración fronte a San Caetano

A CIG-Saúde realizou este xoves unha concentración diante do Edificio Administrativo da Xunta en San Caetano para denunciar a precariedade laboral que sofre boa parte do persoal do Sergas e demandar a recuperación dos dereitos laborais e retributivos.

Ademais da protesta, a Federación de Saúde remitirá un escrito dirixido ao presidente Núñez Feixoo reclamándolle que recoñeza e valore o traballo das e dos profesionais da sanidade "os 365 días do ano, a través da recuperación dos acordos salariais, da carreira profesional e do Plan de Mellora da Atención Primaria, e non con esmolas para lavar a imaxe de cara ás próximas eleccións".

Esta protesta marca o inicio dunha campaña coa que a CIG-Saúde reivindica a convocatoria dunha mesa sectorial para negociar a recuperación “dos dereitos roubados nestes anos e medidas que rematen coa precariedade e a inestabilidade provocada pola política laboral” da Xunta.

Entre outras cuestións, explica a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, reclámase a eliminación da taxa de reposición e negociar un sistema identificativo do cadro de persoal do Sergas que permita coñecer canto traballadores e traballadoras son fixas, interinas, eventuais cubrindo prazas estruturais, eventuais fóra de cadro de persoal, xubilacións. etc.; e que se convoque unha oferta de emprego co 100% das prazas para dar estabilidade aos profesionais.

Comentarios