A campaña e a nova lexislatura baixo a mirada de anteriores representantes de Galiza

A campaña das eleccións xerais máis mediática e tensa dos últimos anos chega á súa fin co denominado sábado de reflexión. En Sermos Galiza conversamos arredor do 28A con aquelas e aqueles que en distintos momentos foron responsábeis de dar voz a Galiza como representantes políticos do noso país.

fotoefectos.com__final_4243823349091035495_
photo_camera Francisco Rodríguez, Alexandra Fernández, Xesús Palmou e Rocío de Frutos

Após vivirmos unha das campañas electorais máis televisivas e tensas dos últimos anos, Sermos Galiza conversa con referentes da política galega que tiveron en distintos momentos a responsabilidade de representar a poboación e intereses do noso país. Francisco Rodríguez (BNG), Alexandra Fernández (En Marea), Rocío de Frutos (PSdeG) e Xesús Palmou (PP) valoran o decorrer da campaña electoral, achegan algúns prognósticos do que acontecerá este domingo e marcan as prioridades de Galiza para a vindeira lexislatura.

Francisco Rodríguez, que representou a Galiza no Congreso durante doce anos como deputado do BNG; valora que asistimos a unha campaña electoral totalmente televisiva e mediática, acoutada aos partidos que reafirman e reforzan a españolización e o réxime vixente, e salienta que nunca houbo tanta exclusión do pluralismo e, por tanto, manipulación do debate real.

Rodríguez valora que asistimos a unha campaña electoral totalmente televisiva e mediática, acoutada para os partidos que reforzan a españolización

En Marea chegou ao Congreso en 2015 con seis escanos, entre os que se atopaba o da deputada Alexandra Fernández, quen anunciou o seu abandono da primeira liña política. Fernández percibe un cambio no modelo actual de campaña respecto das desenvolvidas en 2015 e 2016, onde se realizaban continuos chamados á participación e “á construción de proxectos de abaixo a arriba”. Lamenta que as formacións que apostaran por esa liña agora xoguen máis na mediática e o espectáculo en detrimento do pobo; un show televisivo que, segundo critica, se reduce a catro partidos, negando así a pluralidade política do Estado.

A deputada do PSOE por Ourense nesta lexislatura que vén de rematar, Rocío de Frutos, e que non opta á reelección, ollou a campaña electoral con preocupación mais tamén con esperanza. Os seus temores veñen pola irrupción de Vox e pola tensión que caracterizou a contenda electoral, en alusión aos insultos dirixidos a Pedro Sánchez por parte dos seus opoñentes da dereita. A esperanza tena porque está ilusionada cun posíbel bo resultado do PSOE, e enfatiza que gostou das mensaxes positivas que lanzou a esquerda, en referencia aos discursos de Sánchez e Iglesias.

"Tería sido de maior interese que os partidos optasen por debater sobre a propostas políticas", afirma Palmou

O ex conselleiro de Xustiza e Interior da Xunta e antigo secretario xeral do PP en Galiza, Xesús Palmou, salienta que a campaña estivo máis centrada nas figuras dos candidatos á presidencia que nos programas electorais e pensa que para o conxunto das persoas votantes tería sido de maior interese que os partidos optasen por debater sobre a propostas políticas.

Os prognósticos para o domingo

En canto aos prognósticos, tanto Alexandra Fernández como Xesús Palmou salientan o grande número de persoas indecisas que semella aínda haber. Palmou valora a este respecto que o segundo debate a catro emitido por televisión puido ter maior utilidade para a poboación indecisa, xa que lle pareceu o acto de campaña onde máis se falou de programa. O popular descarta grandes sorpresas nestas eleccións e a pesar de non gostar das quinielas, fai referencia ás enquisas, que dan como máis votado ao PSOE, seguido polo PP.

Rodríguez agarda que o BNG recupere a presenza nas Cortes

Francisco Rodríguez pensa que os resultados van dar unha situación parecida á da anterior convocatoria das xerais, no sentido de que haberá unha correlación de forzas favorábel á esquerda española, mais que para gobernar terá que recorrer ás representacións políticas das distintas nacións e, só así, haberá unha maioría absoluta clara e contundente no Congreso. Con esta situación, agarda que o nacionalismo galego recupere a presenza nas Cortes "porque é necesario".

De Frutos agarda que a irrupción de Vox sexa o máis pequena posíbel

Pola súa banda, De Frutos ten a esperanza de que o PSOE saia gañador das urnas cuns resultados que lle permitan gobernar xunto a outras forzas de esquerdas e que a irrupción de Vox sexa o máis pequena posíbel.

As prioridades de Galiza na nova lexislatura

En canto á nova lexislatura e ás prioridades de Galiza nela, Francisco Rodríguez salienta en primeiro lugar como prioridade existir politicamente e, por tanto, ter representación a través dunha forza política propia como é o BNG. En segundo termo apunta á participación activa e a ter iniciativa en relación coa necesidade de mudar a estrutura do Estado español para que este se adapte ao seu carácter plurinacional dunha vez, como elemento esencial da democracia e, por tanto, rematar coa liña represiva, antidemocrática e excluínte do Estado.

Rodríguez sinala a importancia de pular polas cuestións que teñen que ver cos dereitos sociais e laborais en relación coa realidade específica de Galiza

Rodríguez tamén sinala a importancia de pular polas cuestións que teñen que ver cos dereitos sociais e laborais en relación coa realidade específica de Galiza, co obxectivo de mudalas radicalmente para lograr maior benestar das maiorías sociais. Mais isto vincúlao a un imprescindíbel cambio da estrutura produtiva, a que se restaure a agricultura en Galiza, a parar o desmantelamento industrial e a que o país poida vivir de si mesmo. Por tanto, para Rodríguez é fundamental que a cuestión económica, entendida como o dereito a producir de Galiza e o dereito a traballar no país, estean presentes tamén no Congreso.

Como agravio a superar, Palmou sinala que Galiza non poida decidir onde como e cando gastar o seu superávit

Pola súa banda, Palmou salienta como fundamental efectuar a transferencia da AP-9 e que os traxectos do AVE se finalicen en Galiza sen máis dilacións. Como agravio a superar, o ex secretario xeral do PP sinala que Galiza non poida na actualidade decidir onde como e cando gastar o seu superávit, e salienta como grande inxustiza que se penalice a “aqueles que cumprimos coa redución do défice”. A continuidade de Ence en Galiza é outra das prioridades para Palmou, mais a diferenza da maioría dos representantes conservadores, el defende o seu mantemento na localización onde se valore que teña menor impacto ambiental, unha decisión que, sinala, han de acordar as administracións, os partidos e máis a propia empresa.

De Frutos amósase preocupada polas problemáticas que arrastra a circunscrición de Ourense para a que considera urxente traballar pola consecución do emprego digno, sacar proveito do "enorme potencial económico". Rocío de Frutos salienta tamén o problema demográfico e o atraso en infraestruturas que constitúen unha débeda histórica con Galiza.

"Estanse configurando as pezas do taboleiro dunha reconfiguración estatal na que é importante que Galiza entre con forza", sinala Fernández

A viguesa Alexandra Fernández ten as prioridades claras e salienta que traballou neste período por elas, e que teñen que ver coa realidade socioeconómica de Galiza. O que se xoga de novo o país, afirma, é o seu recoñecemento e o seu estatus como nación. E apunta así mesmo que se están configurando as pezas do taboleiro dunha reconfiguración estatal na que é importante que Galiza entre con forza para poder participar do debate e saír del con peso político.

Comentarios