Teatro

Cámara Negra estrea coprodución co Centro Dramático Galego

'Clausura do amor' preséntase no Salón Teatro de Santiago o día 17 de setembro, unha adaptación sobre o texto visceral de Pascal Rambert

'Clausura de amor', de Cámara Negra.
photo_camera 'Clausura de amor', de Cámara Negra.

A compañía Cámara Negra  estrea no Salón Teatro de Compostela Clausura do amor, dramaturxia sobre un texto de Pascal Rambert que se leva a escena nunha adaptación baixo a dirección de Carlos Álvarez-Ossorio. Trátase dunha coprodución co Centro Dramático Galego.

Os pases terán lugar 17, 18 e 19 de setembro ás 20.30 horas e domingo 20 ás 18 horas. Interpretan sobre as táboas Teté García e Xosé Manuel Esperante.

O dramaturgo francés escribe  este texto desde as vísceras e somete a unha parella a unha ruptura sentimental na que os protagonistas intercambian monólogos que expresan a violencia dun amor en proceso de defunción.

O propio autor facía fincapé no uso da linguaxe, que “en determinadas circunstancias é máis efectiva que a tortura física”, escribía.

Para a proposta de Cámara Negra, Álvarez-Ossorio parte do texto para afondar no que agocha.  “Aparentemente, estamos ante unha simple ruptura de parella, pero o texto de Rambert é tan rico, ofrece tantos matices e tantas capas, que acaba sendo máis: un espello da nosa sociedade”.

Trátase dunha proposta de xogo teatral na que o espectador forma parte dun espazo no que o íntimo se confronta co público. “Do xogo xorde toda a posta en escena: un xogo visceral e salvaxe, non exento de humor ácido e corrosivo", explica a compañía.

Trátase dun traballo "de improvisación e investigación rigoroso e liberador. Un traballo de creación moi físico, buscando os límites do texto, a humanidade espida do texto”.

Autor e director

Alén de escritor, Pascal Rambert é director e coreógrafo. De 2007 a 2017 foi director de T2G-Théâtre de Gennevilliers de París, que transformou en centro dramático nacional de creación contemporánea, consagrado exclusivamente a artistas vivos. As súas obras foron traducidas e publicadas en numerosos idiomas.

Carlos Álvarez-Ossorio, pola súa banda, concilia a faceta de director  coa de actor, dramaturgo e cineasta. Ten dirixido no Centro Andaluz de Teatro, na Convención Teatral Europea, na Red de Teatros Alternativos e no Festival de Teatro Clásico de Mérida, ademais de en diversas compañías independentes, gañando premios como o MAX ou o José Luis Alonso da Asociación de Directores de Escena de España (ADE).

Comentarios