Eira das Mouras

O cal, aliado da pedra e das labras

Abondaron noutrora as caleiras, eses lugares con perigosos pozos entre o xabre e a caliza que tentaban os rapaces a xogar. Tamén eran frecuentes os fornos de cal, a fumegar columnas brancas que se confundían coas nubes. Cal usado tradicionalmente na industria, na agricultura, o cal morto dábaselles aos troncos dalgúns froiteiros para evitar as pragas, nos curtidos, para elaboración do vidro, do xabón, na metalurxia e na siderurxia como fundente, mesmo na antigüidade con carácter bélico, importante no control do medio ambiente… Sobre isto escribe o arqueólogo e museólogo Felipe-Senén no número 264 de Sermos Galiza.

[Imaxe: cedida] Tímpano policromado do Pazo de Raxoi
photo_camera [Imaxe: cedida] Tímpano policromado do Pazo de Raxoi

Cal vivo, óxido de calcio, resultado da calcinación da pedra branca, sílice, rocha calcaria sedimentaria, orixe desa masa de conglomerado branco e  espeso tan necesaria para a construción e a albanelería. Cal e xabre, area, “unha de cal e outra de area”, mestura imprescindíbel como morteiro de unión e mesmo para cintado de adobes, tapal, pedra… tamén usado como cal apagado, de revestimento, para recebos, como pintura... que, logo, pola acción da climatoloxía, da  humidade e mais do aire endurecerá como carbonato de calcio permitindo que a pedra “respire”, din os canteiros. Cal maleábel, pel de edificacións rurais que non hai que asociar unicamente ao Mediterráneo, sabendo que ese foi un camiño de saberes e cultura que mesmo trunfaron pola beiramar do Atlántico occidental.

Emprego do cal que cómpre coñecer á hora das cautelas para rehabilitar e darlle orixe, orixinalidade, autenticidade a edificacións, pedras e labras, mesmo para alongar a súa vida. Algo sobre o que cómpre seguir a investigar pousando sobre os saberes e as tradicións.

[Podes ler a peza íntegra no Sermos Galiza 264, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios