As cafetarías escolares piden prorrogar

Representantes duns 150 centros escolares galegos solicitaron da Consellaría de Educación a prórroga automática dos contratos de adxudicación das cafetarías dos centros escolares galegos. Esta demanda parte da actual situación de estado de alarma e da suspensión das actividades lectivas presenciais.
Cafetaría do IES Espiñeira de Boiro (IES Espiñeira)
photo_camera Cafetaría do IES Espiñeira de Boiro (IES Espiñeira)

Nun comunicado conxunto, representantes duns 150 centros escolares galegos solicitan da Consellaría de Educación que prorrogue a adxudicación das súas cafetarías. Afirman que a actual situación "levou consigo que, dun día para outro, as persoas adxudicatarias das cafetarías deixasen de ter ingresos, uns ingresos dos que dependen moitas familias galegas".

Ademais engaden que "tras a posta en marcha dunha nova normativa aplicábel ás cafetarías escolares que entrou en vixencia hai apenas uns cursos escolares, os postos de traballo que xeran estes negocios nunca están seguros nin sequera a medio prazo". O sistema de adxudicacións por dous anos din que "esquece que a maior parte das persoas adxudicatarias son pequenas autónomas e autónomos e non grandes empresas hostaleiras". 

Prórroga de oficio

As traballadoras e traballadores solicitan da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Educación que prorrogue de oficio os contratos de concesión das cafetarías escolares durante dous cursos escolares máis a partir do momento actual e que se condone o canon exixido para o presente curso escolar. 

Segundo sinalan no comunicado, esta demanda é "xusta, dadas as actuais circunstancias e dada a actual falta de ingresos das persoas que rexentan estes negocios" ademais de ser "realista, pensando en que a explotación destas cafetarías poida seguir sendo rendíbel e posíbel".

Comentarios