Opinión

Caeu Colón

[María Obelleiro]

Os xornais mexicanos recolleron nas súas páxinas de onte a imaxe da baixada da estatua de Cristovo Colón do seu pedestal no céntrico Paseo da Reforma da Cidade de México. O Goberno de López Obrador optou por tomar a dianteira e retirar a escultura antes de comezar o 12 de outubro. Autoridades da capital apelan a un proceso de reflexión sobre o que representa o monumento, que foi recollido para a súa restauración. O xesto é, cando menos, simbólico. O presidente mexicano insistiu en que o 12-O é unha data "moi polémica" e voltou a exixir as desculpas de España polos abusos cometidos co seu imperialismo.

Porén, España segue sen desculparse e celebrou -aínda que con menos fastos pola pandemia- a data coa participación do Goberno e dunha monarquía en horas máis baixas que nunca. Regresará Colón ao Paseo da Reforma? Hai xa campañas nas redes que piden a súa substitución. A recuperación da memoria callou nos pobos para exhibir os conquistadores como executores dun xenocidio.

Comentarios