A cantidade de persoas contaxiadas nas residencias do país continúa a baixar e este luns a Consellaría de Política Social fala de 319 doentes (233 usuarias e usuarios e o resto xente dos cadros de persoal). Malia esta nova a atención non pode baixar nestes centros porque o último descenso é froito de tres mortes e porque os casos activos aínda representan case o 7,5% do total galego.
De 4.264 positivos que seguen a presentar síntomas e a poder expandir o contaxio, máis de 300 viven nos xeriátricos. E ademais haberá outras afectadas maiores que estén ingresadas ou permanezan nas súas casas baixo o control dos equipos sanitarios.
De feito, fontes de Política Social explicaron esta segunda feira que a caída puntual destas últimas 24 horas non se debe á curación senón ao pasamento de tres usuarios, dous deles nos centros intervidos pola Xunta. É dicir, no Incio e na DomusVi Lugo, situada en Outeiro de Rei.
Así mesmo, non puido superar o virus un residente da instalación de Os Gozos, pertencente ao concello de Pereiro de Aguiar.
Segundo a información que manexa o Executivo galego, a residencia DomusVi de Outeiro de Rei mantense como o principal foco de coronavirus, con 141 usuarias contaxiadas; seguida pola residencia do Incio (59 maiores afectados); e a de Orpea en Culleredo (26 usuarios aínda padecen Covid-19).
A todas estas súmanse 5 casos entre os usuarios de DomusVi de Lalín, un caso en Castro Ribeiras do Lea, e outro na residencia de Arteixo.
Afecta a máis traballadoras
No que se refire ás e aos empregados destas infraestruturas, engadiuse un novo positivo ao cómputo global: o dun operario que ten o seu posto na DomusVi de Outeiro de Rei, de maneira que o persoal afectado chegou ás 86 persoas. O cadro con maior número de afectados é o do Incio (36), seguido polo de de Outeiro de Rei (23 ).
En Orpea Culleredo e DomusVi Lalín hai catro traballadoras enfermas, respectivamente, e dous compañeiros da residencia Doral de Mos. Así mesmo, detectouse un caso entre as operarias e operarios de cada un dos seguintes centros xeriátricos: Oleiros, DomusVi A Coruña, DomusVi Noia, Volta do Castro (Santiago), residencia Victoria (Teo), Os Tercios en Touro, DomusVi Monforte, San Bartolomeu (Xove), Nosa Señora do Socorro (Arnoia), A Saleta (Cea), DomusVi Barra dá Miño, Santiago Apóstolo (Vilamarín), Fogar Residencial Vilar de Barrio, residencia de Campolongo, Saraiva Sénior (Pontevedra), CRAPD II de Vigo e Alvi-Beade de Vigo.
Centros de atención a persoas con capacidades diferentes
No caso dos centros de atención á discapacidade, cuxos datos tamén facilita a Consellaría de Política Social, as e os afectados pasaron de 17 a 31, sumando os positivos de usuarias e traballadoras. O maior número de doentes continúa a estar na residencia Ricardo Baro de Aspronaga, en Oleiros, onde se detectaron outros 14 pacientes.
Con respecto ao cadro de persoal destes centros, o número de casos mantense en 5: dous na residencia Ricardo Baró, un traballador de Aspace (A Coruña), outro da residencia Juan Vidán Torres (Santiago) e outro da Residencia A Braña (A Estrada).