BELéN PUñAL, XORNALISTA

"O caderno de verán vai optar por un estilo fresco mais non superficial"

Presentamos o suplemento estival de Sermos Galiza da man da súa coordenadora. Esta quinta feira, xa nos quiosques do país.

Belén Puñal
photo_camera Belén Puñal

 

Conversamos coa xornalista Belén Puñal coordenadora dos A Fondo que, durante os meses de xullo e agosto, darán paso ao suplemento de verán de Sermos Galiza. Un caderno, explica, que tirará dun estilo "máis fresco e atractivo" mais fuxindo da "superficialidade" para nos dar a coñecer o país e as cousas que nel acontecen, tamén en período estival. 

Esta semana sairá o primeiro número acompañando o semanario en papel. Belén Puñal explícanos as novidades. 

Que atoparemos no Caderno de verán?
Basicamente a novidade é que este ano se extende. Comezamos o ano pasado coa experiencia do mes de agosto. Funcionou ben, a xente colleulle cariño e decidimos amplialo tamén a xullo. Manteremos o mesmo espírito con colaboracións semellantes mais tamén incorporando novidades. 

Cales serán?
Dunha banda dous relatos seriados. Dunha banda, 'Traballo de campo', unha sección asinada pola escritora Marica Campo arredor dunha investigadora que se volve atopar cunha entrevistada durante a tese. Aliás, a poeta Marta Dacosta publicará unha serie de 9 poemas inéditos que compoñen historias de mulleres fiadas pola memoria baixo o título 'Des-tecer'. Outra novidade é 'Océano para terrícolas' unha nova sección de Xurxo Souto que presenta un conxunto de historias ou episodios co mar de fondo. Parten da filosofía de que é preciso descubrirmos o mar como unha realidade que non se pode deslocalizar e na que atopamos moitas historias. 

Marica Campo e Marta Dacosta asinarán senllos relatos seriados que se sumarán a seccións tradicionais do suplemento como o relato homoerótico de Pepe de Pura

Para alén diso, contará cos contidos do pasado ano, como o relato erótico de Pepe de Pura...
Seguimos a premisa de que "o que funciona non o cambies". Pepe de Pura --pseudónimo cuxa identidade seguirá sendo un misterio-- traerá novas entregas dos seus relatos homoeróticos cun estilo costumista por veces e moi atractivo. Asemade, contaremos cunha sección de reportaxes que esta semana xirará arredor da potencialidade de Galiza no surf. Tamén con entrevistas musicais e a contra-capa na que cada semana unha persoa coñecida falará do seu recuncho para pasar o verán mais sen caer en tópicos. Queremos descubrir novos lugares. A primeira colaboración será o escritor Xurxo Borrazás que nos achegará a Muros. Tamén estarán o científico Anxo Carracedo, os xornalistas Manolo Gago e Lucía López Bayo ou a cantante Lucía Pérez, entre outras persoas. 

Estas publicacións, por que se adaptan mellor ao verán?
Chega o verán e todo o mundo precisa un respiro, tamén a imprensa. O caderno vai optar por un estilo máis fresco e atractivo, porén, non superficial. Ese é un elemento que o diferenciará doutros suplementos de verán. O obxectivo é que se poida ler mentres se está na praia ou nunha terraza dando a coñecer cousas do país. 

Máis en Só en papel
Comentarios