De cada catro traballos de fin de grao e master na USC tres son en castelán e un en galego

O castelán é amplamente maioritario: 74% dos TFG e 71% dos TFM na Universidade de Compostela.

facultade filosofia USC
photo_camera Facultade de Filosofia da USC

En 2017 defendéronse na Universidade de Compostela 3.309 traballos de fin de grao (TFG) e 1.164 traballos de fin de master (TFM). En ambos os dous casos, o castelán foi o idioma elixido pola ampla maioría dos estudantes: en tres de cada catro traballos ese é o idioma empregado, mentres que o galego fica reducido a un de cada catro, segundo os dados de O Cartafol (boletín de normalización lingüística da USC)

Dos 3.309 TFG defendidos na USC en 55 titulacións, 2.456 estaban en castelán (74,2%), 725 en galego (21,9%) e 72 en inglés. En graos como enxeñería química non houbo ningún traballo en galego. E a porcentaxe de TFG en castelán en graos como Medicina (96%) ou Farmacia (94%) sitúa o galego á beira da marxinalidade absoluta nese campo.

En 20 dos 80 mestrados impartidos na USC non houbo nin un só traballo de fin de  master en galego

Pola contra, hai 8 graos en que estes traballos realizados en galego superaron os feitos en castelán: graos como xornalismo, ciencias da Cultura, Comunicacuón audiovisual ou Xeografía e Historia, entre outros.

E nos master? En 2017 defendéronse 1.164 traballos de fin de master (TFM) na USC. O galego foi o idioma no que se fixeron 275 (23,5%) e en castelán 828 (71%). En 2017 impartíronse 80 mestrados na Universidade de Compostela. En 20 deles non houbo ningún TFM en galego. En 5, a presenza de TFG en galego superou ao castelán.

Teses

No 2016 foron lidas na Universidade de Santiago de Compostela 427 teses de doutoramento, das que a gran maioría, 59%, estaban en español. O segundo idioma máis empregado nas teses foi o inglés, en 20% dos traballos, mentres que as feitas en galego e portugués representan 20% do total (13% en ‘galego’ e 7% en `portugués’). Máis unha vez, o castelán segue a ser a lingua predominante nos traballos con que se lles pon o ramo aos estudos de doutoramento: das 427 teses lidas o pasado ano, 253 realizáronse total ou parcialmente neste idioma.

Comentarios