A Cada Canto despídese despois de tres anos de encontro feliz na música

Naceron como proposta efémera mais o encontro foi tan feliz que deu lugar a dous discos e unha morea de inesquecíbeis concertos. A Cada Canto despídese esta sexta feira cun concerto no festival Oca Folk.

aCadaCanto
photo_camera aCadaCanto

Ao carón do Pazo de Oca e nun festival, un formato pouco visitado pola  formación, A Cada Canto despedirase esta sexta feira ás 23 horas no festival Oca Folk. A formación que xuntara a Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero di adeus despois de ter gravado dous discos e presentado a súa música en multitude de concertos ao vivo, maiormente en teatros nos que se establecía unha especial e máis íntima conexión co seu público.

Como unha “unión de traballo temporal” se definían alá por xuño de 2012 cando A Cada Canto presentaba o seu primeiro disco, un proxecto musical que xuntaba a catro grandes músicos que tiñan participado de maneira combinada nas máis interesante propostas do país.O primeiro encontro co público foi  no  Rosalía de Castro da Coruña e logo virían Lugo, Vigo, Carballo, Tui, Pontevedra, Silleda, Ponteceso ou Ferrol en concertos íntimos e directos antes de atravesar o océano para tocar no Teatro Avenida en Bos Aires máis o Centro Cultural de España de Montevideo, os grandes centros da emigración en Latinoamérica,. O primeiro disco foi unha grande sorpresa musical, con temas de grande suceso como o xa popular “Teu nome por mar e terra” que rebentou a rede cando o videoclip se comezou a expandir polas distintas canles. 

Un inesperado segundo disco

ACadaCanto

Malia ser unha proposta efémera, non tardaron en presentar o seu segundo disco, a súa particular visión sonora de Rosalía. En “A Rosa d´Adina” musicaban seis poemas da autora nun traballo que presentarían no Claustro da Catedral de Tui, dentro do festival “Música no Claustro”.  “Dende a Limia”, “Tecín”, “Este meu camiño”, “Levoume o río”, “Onde pousei a infancia” e “Aló” son os poemas que se sentirían na voz de Guadi Galego e Xabier Díaz, con Guillerme Fernández á guitarra e o acordeón de Xosé Lois Romero. 

Guillerme e Xabier Díaz chegaban co aval de Berrogüetto, grupo en que se escoitou a voz de Guadi; Xabier Díaz contara con Romero e Guillerme Fernández no seu inicial Músicas de Salitre, Guadi cadrou tamén con Guillerme en Espido e Xavier e Guillerme conxeniaran para publicar o disco Arrolos de Salitre. A Cada Canto  nacía da man tamén do selo Músicas do Salitre, formado por Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Co concerto de Oca despiden tres anos despois esta aventura que tivo un traxecto feliz. Os catro cantos da agrupación volven aos seus camiños por solto, Guadi Galego en plena presentación do seu novo disco e Xabier Díaz a pouco de anunciar un novo traballo que verá a luz en outono.

 

Comentarios