A tumba en Bonaval conta á fin co texto que escollera o poeta

Cabanillas: medio século sen epitafio

Case 51 anos tivo que agardar a lousa de Ramón Cabanillas polo epitafio que el mesmo escollera: “Quero na lousa que me de sosego / esta palabra que ten ás: Poeta / e esta palabra que ten luz: Gallego”. Desde o pasado 13 de xuño, un ramo de rosas brancas e vermellas descansa sobre a, agora si, completa tumba do escritor no Panteón de Galegos Ilustres.
 

bonaval cabanillas 3
photo_camera A tumba de Ramón Cabanillas no Panteón de Galegos Ilustres. Foto: cedida.

As flores leváronas a neta do autor de Da terra asoballada, Aurora Vidal Cabanillas, Pitusa, e mais o académico Francisco Fernández Rei. Este último foi, a través da prensa e numerosos actos, un dos intelectuais máis belixerantes na reclamación do cumprimento da vontade de Cabanillas.

bonaval cabanillas 2

O poeta morreu, nado en Cambados en 1876, morreu na mesma vila do Salnés en 1959. Oito anos despois, o 12 de agosto, os seus restos viaxaron do cemiterio cambadés de Fefiñáns a Santiago de Compostela. O panteón, en Bonaval, acolleu a caixa de cinc ao carón das lousas do escultor Francisco Asorey, na capela da Visitación onde tamén reposuan Rosalía de Castro e Alfredo Brañas.

Mais faltaba o epitafio, o terceto de endecasílabos -ao xeito da Divina Comedia- que o propio Cabanillas escribira e baixo o que quería xacer morto. Así llo comunicara á súa dona Eudosia alá por 1915, cando os versos se publicaron no libro Vento mareiro. Figuraron en Fefiñáns e, porén, non en Bonaval.

A asociación cultural de Cambados Unha Grande Chea pediu en 2006 “respecto á vontade do poeta”. En 2009, o Concello de Cambados asumiu a reivindicación e solicitou da Xunta que dotase o sepulcro “das melloras necesarias e acorde coa dignidade do defunto”. Só este ano, máis de medio século despois, Ramón Cabanillas, alcumado “o Poeta da Raza” e un dos escritores de maior relevo da literatura galega do século XX, conta co epitafio que el imaxinara para si.

Nota: na imaxe, a neta de Cabanillas Aurora Vidal Cabanillas e mais Francisco Fernández Rei na tumba do poeta.

Comentarios