Goberno do Estado

Caballero pide a abstención do PP na investidura de Sánchez e Rego reúnese de novo co PSOE en Madrid

O líder dos socialistas galegos considera que hai «unha nova maioría social de progreso», mentres que o deputado nacionalista no Congreso di que a posición do BNG dependerá de «como se atenda a axenda galega» e do programa en temas como política social.

Congreso dos Deputados (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Unha sesión do Congreso dos Deputados, a cámara baixa do Parlamento español [congreso.es]

«Por que non lle di aos deputados do PP da Galiza que se absteñan cando sexa a investidura de Pedro Sánchez? De el dar esa instrución, temos xa resolta a investidura», retou este domingo, 1 de decembro, o secretario xeral do PSOE na Galiza, Gonzalo Caballero o presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feixoo.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, o líder dos socialista criticou que o tamén presidente da Xunta «está a xogar á confusión política», ademais de o ver «moi preocupado» despois de, segundo el, os «tres fracasos electorais» dos populares galegos en 2019.

Malia que o PP recuperou a primeira praza nos comicios do 10 de novembro, Caballero considera que hai «unha nova maioría social de progreso», porque «hai un 54% de galegas e de galegos que votaron a favor de forzas progresistas».

Ante as sucesivas suxestións lanzadas por Feixoo sobre un grande acordo PP-PSOE a nivel estatal, Caballero insistiu: «Un día dinos que hai que sacar o presidente Pedro Sánchez do Goberno de España e, cando de súpeto ve que vai haber Goberno en España, xa di que hai que facer un acordo co PSOE».

BNG: «Avanzar» nas negociacións

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, anunciou tamén este domingo nunha entrevista na canle galega de RNE que volverá a Madrid esta semana para «reunirse» co PSOE e «avanzar» nas negociacións de apoio á investidura do Goberno de coalición entre os socialistas e Unidas Podemos.

Rego adiantou que aínda non hai «acordos feitos» e que a «posición final» do BNG dependerá de «como se atenda a axenda galega» que defende a formación nacionalista, e en función tamén de «cal sexa o programa que presente a coalición que aspira ao Goberno» en temáticas como a política social.

Medidas para a Galiza

Néstor Rego ve «lóxico» que unha das primeiras iniciativas que se impulsen para o país sexa a «transferencia» das competencias de Salvamento Marítimo e da loita contra a contaminación no mar, despois do caso do Blue Star. O encallamento deste barco «evidencia que tras o Prestige seguimos indefensos, cun sistema de salvamento que depende de Madrid e resta eficacia" na costa galega.

A esta cuestión, Rego engade a «grave crise industrial» que «pon en risco» o traballo de miles de persoas e de pobos enteiros como o das Pontes, que podería «quedar sen futuro». Neste sentido, insta tanto o PP como o PSOE a deixaren a «inactividade» e exerceren as súas «responsabilidades», buscando «solucións» para Endesa e para a industria electrointensiva.

Emigración e infraestruturas

Ademais, entre outras preocupacións do BNG, Rego citou a «crise demográfica» da Galiza, que precisa «dun plan capaz de fomentar a creación de emprego e de dar expectativas a toda esa mocidade» que se ve forzada a emigrar.

A nivel de infraestruturas, demanda a liberación de peaxes da AP-9 e o cesamento da «discriminación» das infraestruturas ferroviarias internas, que se asemellan máis ás de «comezos do século XX» que ás da actualidade. «Non pode ser que haxa cidades galegas sen conectar», denunciou.

Comentarios