Caballero lamenta que o PP sexa o "bastón de Jácome" en Ourense

Pide Feixoo que rectifique para reverter a situación "kafkiana" do concello de Ourense.
De esquerda a dereita, Rafael Rodríguez Villarino, Juan Carlos Francisco, Gonzalo Caballero e Natalia González (Foto: PSdeG).
photo_camera De esquerda a dereita, Rafael Rodríguez Villarino, Juan Carlos Francisco, Gonzalo Caballero e Natalia González (Foto: PSdeG).

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou hoxe ao PPdeG de ser o "bastón" que mantén na alcaldía de Ourense a Gonzalo Pérez Jácome.

O socialista cualificou a situación de "kafkiana" e "esperpéntica", e insistiu en que a única solución é unha moción de censura contra o actual rexedor, que actualmente conta só con dous concelleiros.

"Nunca quixeron sacar a Jácome nin levar adiante a moción porque prefiren que a cidade siga vivindo no caos", expuxo.

Caballero tamén criticou a mudanza na opinión das populares a respecto da figura de Pérez Jácome nas últimas datas.

"Aqueles que dixeron que era un alcalde impresentábel e que tiña que dimitir porque levaba Ourense a unha situación límite, hoxe queren volver ao Goberno con el", lamentou.

O socialista reclamou ao líder do PPdeG, Alberto Núñez Feixoo, que "rectifique a situación de inestabilidade que está a provocar [Jácome] en Ourense, e que non dea marcha atrás".

Por outra banda, Caballero aproveitou a súa visita á cidade das Burgas para reivindicar o papel do PSdeG na defensa do municipio: "As socialistas defendemos Ourense fronte a un Goberno da Xunta que se esquece das ourensás", expresou.

Comentarios