Anunciouno esta mañá no decurso do Comité Nacional do partido

Caballero entrará no Parlamento galego despois das eleccións municipais

leiceaga caballero @xocas2016
photo_camera Caballero, co portavoz parlamentar do PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, vén de anunciar que pasará a formar parte do Parlamento de Galiza despois das eleccións municipais do vindeiro 26 de maio. "Quero dicirvos que a previsión que ten o secretario xeral, pois é un tema recorrente nos comités nacionais, é que despois das eleccións municipais entrará no Parlamento galego para defender as posicións do PSdeG", dixo no decurso no Comité Nacional que o partido celebrou esta mañá en Compostela. 

Cómpre lembrar que o líder do PSdeG concorreu de número cinco na lista de Pontevedra nos comicios celebrados no outono de 2016. Nesas eleccións, o PSdeG obtivo catro escanos nesa provincia, ficando Caballero ás portas de entrar no Hórreo. O secretario xeral dos socialistas galegos non desvendou quen será o compañeiro ou compañeira que renuncie para poder facerse efectiva a súa entrada na Cámara. 

Gonzalo Caballero xa sinalara a finais do ano pasado que era "previsíbel" a súa entrada no Parlamento galego, mais naquela altura non fixara ningún horizonta temporal aducindo non ser o "momento oportuno". Con todo, Caballero ten sido proclamado xa candidato do PSdeG á presidencia da Xunta nas vindeiras eleccións galegas. 

Comentarios