Eleccións xerais

Caballero di que o PSOE “garantirá o estado de benestar” ante o xiro ultraconservador do PP

O secretario xeral do PsdeG insta o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a “deixar de ser cómplice da dereita máis rancia de Casado, que non ten proxecto económico nin de Goberno”.

caballero
photo_camera Gonzalo Caballero, con Nadia Calviño e membros do PSdeG lucense, esta sexta feira en Lugo

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou o “xiro ultraconservador do Partido Popular de Pablo Casado” e asegurou que o PSOE é símbolo de garantía para preservar “o estado de benestar, o estado das Autonomías e os avances na igualdade real”.

Caballero realizou estas declaracións nun acto de campaña en Lugo de cara ás eleccións do 10 de novembro, esta sexta feira, no que tamén participou a ministra española de Economía en funcións, Nadia Calviño.

Caballero afirmou que “o voto útil de progreso” debe concentrarse no PSOE para que “a marioneta de Abascal” na que, ao seu xuízo, “se converteu Pablo Casado”, non teña a oportunidade de acceder á Moncloa. Ademais, lanzou unha mensaxe “á mobilización masiva”

Por outra banda, instou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a “deixar de ser cómplice da dereita máis rancia de Casado, que non ten proxecto económico nin de Goberno”. Neste punto incidiu en que o PP está “manexado desde a sombra por Aznar e desde fóra por Vox e Santiago Abascal”.

Comentarios