A persecución franquista no Baixo Miño

Tres cabaleiros españois e unha consideración previa

As miñotas foron as últimas terras galegas en ser sometidas. En Tui entraron o 26 de xullo. No mediodía do 28 na Guarda. A resistencia foi produto da fortaleza da Fronte Popular e, na miña opinión, da capacidade e fraternidade dos dirixentes. No labor de tecer complicidades cómpre resaltar o núcleo inicial galeguista (A. Ríos, D. Calzado e Paquiño de Figueiró) que souberon dialogar cos agraristas tomiñeses, cos obreiristas guardeses, adscritos á CNT, e coa mocidade cultivada de Tui. Ao enfiado desde o novelo á urdidoira axudaron o cenetista Gumersindo, republicanos como Diz Jurado e Álvarez Limeses, socialistas como H. Losada, e salientaron dous semanarios: o tudense La Tribuna, dirixido por Guillermo Vicente, e o guardés El Nuevo Heraldo de J. Noia.  
Acto falanxista en Tui. (Foto: Arquivo particular)
photo_camera Acto falanxista en Tui. (Foto: Arquivo particular)

Tres cabaleiros

Conta Alonso Ríos que cando lle ordenaron, en conversa telefónica, ao capitán de carabineiros, logo fusilado, Marcelino Rodríguez Blanco que sublevase a guarnición e se apoderase da cidade, este solicitou ao comunicante que se identificase. Respondéronlle: “Le habla un caballero español”.  

Estes cabaleiros dirixiron e practicaron a caza de coellos e raposos. A tres destes últimos (Ríos, Noia e Vicente) chegáronlle a pór prezo: 50.000 pts, vivos ou mortos. Dous lograron sobrevivir, o ex alcalde de Tui faleceu na tobeira. Enrabechados polos raposos fuxidos os cabaleiros descargaron lume e furia sobre as xentes miñotas.

Un deles foi José Peñarredonda Fernández (1893-1961). Graduado en Toledo en 1911, afíxose ao tacto viscoso do sangue en Marrocos. Na Lexión estranxeira ascendeu a capitán. Ferido de gravidade no rostro, ficoulle unha evidente cicatriz; poderíaselle aplicar o dito unamuniano, en resposta a M. Astray, sobre que un mutilado carente de grandeza espiritual “es de esperar que encuentre un terrible alivio viendo como se multiplican los mutilados a su alrededor”.

Retirado pola reforma de Azaña, regresou a Tui. En abril de 1936 foi detido xunto a “outros fascistas” por, segundo A. Piña, intentar roubar a punta de pistola as actas das eleccións. Segundo Darío Á. Blázquez, tamén o detiveron nos días en que a cidade permaneceu baixo a legalidade republicana. Da cadea saíu para a alcaldía. Na breve estancia á fronte da mesma, até o 26 de outubro de 1936, suprimiu a festividade dos mártires de Sobredo e construíu a mitoloxía tudense de Calvo Sotelo.

Actuou como un miserábel ao acusar a Vicente, último alcalde republicano, de roubar 400 pts ou ao cubrir os postos como médicos municipais de Diz Jurado e Álvarez Limeses, cando ambos estaban presos e sen xulgar. Despois serían fusilados.

A patria chamábao a máis altos deberes. Nun discurso radiado dirixiuse aos que non se decataban de que aquilo non era un vulgar golpe de estado senón unha loita a vida ou morte “entre las fuerzas nacionales y el marxismo”.

Da súa xestora municipal formaban parte Pablo Bugarín Domínguez, Juan Martín Alonso, Manuel García Lastra, Raimundo Tapia Seoane e Manuel Cordovés Millet. Este último, alcalde no bienio negro, será quen o substitúa. Polo cargo pasaran Tapia Seoane, Rosendo Bugarín, José Jurado Romero e o irmán de Peñarredonda, Ramón.Dominarán durante décadas a vida tudense.

Estás a ler parte do texto dun dos últimos capítulos do coleccionábel 'Os nomes do terror'. Podes continuar coñecendo a historia da Galiza no Nós Diario que agarda nos quiosques e na nosa tenda online para a súa lectura na nube. Non o penses máis e pide a túa subscrición xa!

Comentarios