Cidades dos nenos e das nenas

Na busca de concellos “máis amábeis para vivir”

Pontevedra acolle estes días a rede estatal “Cidades dos nenos e das nenas”, no marco do proxecto Tonucci, unha iniciativa promovida pola Deputación. Na xornada da quinta feira, representantes de concellos españois eloxiaron o modelo da cidade do Lérez.

DAqatzpXoAAg1ru

Unha vez coñecida a cidade, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra -organismo que promove o encontro-, César Mosquera, expuxo as motivacións políticas que levaron a facer os cambios urbanos na cidade do Lérez. O nacionalista sinalou que a relación do pensamento de Tonucci co modelo urbano de Pontevedra vai moito mais alá da inspiración puntual de certas medidas, “atreveríame a dicir que é unha profunda simbiose, unha enorme coincidencia nas bases que soportan ambos: a radicalidade democrática de integrar as necesidades de todos e todas… De eliminar privilexios tanto na escola como nos espazos públicos e promover un ambiente agradábel e á medida humana. Escoitar a todos, non só os que se erixen en portavoces”.

Mosquera: "A experiencia de Pontevedra demostra que coas ideas claras e a disposición a poñelas en práctica, as medidas e solucións concretas brotan, xorden, aparecen, encaixan"

O vicepresidente da Deputación salientou que a transformación urbana de Pontevedra foi consecuencia do valor das ideas e principios sen aplicar ningún plan sofisticado, “poderíamos ser ou ter especialistas en todas as solucións técnicas de variados asuntos, pero sen as ideas de fondo, profundas, pouco ou nada se ía a avanzar. A experiencia de Pontevedra demostra que coas ideas claras e a disposición a poñelas en práctica, as medidas e solucións concretas brotan, xorden, aparecen, encaixan”.

Neste contexto, César Mosquera defendeu unha cidade “para nenos e nenas, en toda a súa amplitude: bebés en carriños, cando comezan a andar, cando van ao cole, cando van xogar, visitar amiguiños... Para todos: comercio, actividade residencial, persoas. Todos, en xeral, de toda condición. Resístome a usar o temo peón ou viandante; nace por oposición a automobilista ou motorista. E as demais actividades? A partir destas ideas, tan simples e lóxicas, comezamos o proceso de reconstrución da cidade”.

O vicepresidente da Deputación instou as persoas asistentes a tomar exemplo do modelo de Pontevedra, sempre “cunha mirada crítica sobre o que temos feito. Temos avanzado e desenvolvido moitas cousas, pero tamén hai que sacar conclusións non só do bo, senón tamén das limitacións”. “Metédenos o dedo no ollo se fai falta para que a vosa viaxe sexa produtiva”, dixo.

Mosquera: "O pensamento Tonucci golpea conciencias"

Filosofía Tonucci

Mosquera destacou ante persoal técnico e cargos políticos que “declararse fan de Tonucci e non ter a decisión e o valor para aplicar as súas ideas, buscar subterfuxios evasivos, é o grande perigo que corremos e que xa estamos a vivir”.

“O pensamento de Tonucci ten unha dimensión acusadora, inquietante, desazonadora: ataca problemas actuais e da solucións de futuro. Propón a revolución educativa e urbana necesaria nestes tempos cunha proposta realizábel, cando menos en grande parte, que só necesita vontade para efectivizarse. Golpea conciencias e dinos: Pódese facer, se non se fai e porque non se toma verdadeiramente en serio o problema”.

Participantes de todos os recunchos

Tamén tomou parte do encontro a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen, ao igual que Mosquera, apostou en que as administracións traballen para converter as cidades en espazos de convivencia “máis amábeis para vivir”.

Asistiron ao encontro representantes das universidades do País Vasco e Zaragoza, así como do Innobasque, do Parque das Ciencias de Granada, do MuseuBlau de Barcelona, e a Asociación Pedagóxica Frato. Tamén dos concellos de Granada, Picanya, Rubi (Barcelona), Bilbao, Aldaia, Lleida, Fuerteventura, Barcelona, Carbajosa de la Sagrada (Salamanca), Solasgune (Biscaia), Xaén, Erandio, Guipúscoa, Huesca, Tolosa, Ermua e outras localidades. Percorreron a cidade da man do intendente xefe Daniel Macenlle e do asesor de Mobilidade Jesús Fole.

Lores: "Hai que ter claro que os modelos urbanos son decisións políticas"

As persoas participantes tamén foron recibidas polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen sinalou que o goberno local leva traballando 18 anos nun modelo de cidade definido logo de estar 12 anos na oposición. “Após estudar tendencias sobre autonomía, capacidade ambiental, calmado do tráfico, coñecido a filosofía Tonucci… aplicámolo en Pontevedra, recuperándoa para as persoas como lugar de convivencia e cohesión social”, asegurou, para deixar claro que non hai que ter medo politicamente a tomar decisións que beneficien o conxunto da cidadanía. “Hai que ter claro que os modelos urbanos son decisións políticas”, concluíu.

Comentarios