O Burela Fútbol Sala defenderá nos tribunais o dereito a emitir partidos

Na disputa da terceira xornada da liga, o conxunto mariñao caeu derrotado 0-3 ante o vixente campión, o Movistar Inter. Pola súa banda, O Parrulo Ferrol empatou a catro na casa co Santa Coloma. 
burelafs-movistar_13outubro
photo_camera Un momento do encontro que disputaron o Pescados Rubén e o Movistar Inter en Vista Alegre (Burela FS)

O Pescados Rubén Burela anunciou que defenderá na xustiza ordinaria o seu dereito a emitir os partidos que dispute na súa cancha. O equipo mariñao, que ten representante tanto na máxima categoría do fútbol sala masculino como feminino, indicou que acudirá aos tribunais para reclamar "o dereito dos afeccionados a gozar do fútbol sala".

O clube critica a actitude da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) e de LaLiga, aos que acusa de fomentar unha "estratexia amedrentadora" que "non vai crebar a determinación desta entidade" á hora de "defender os seus dereitos de televisión e os de toda a afección".

O Burela FS emitiu para os seus seguidores nas redes sociais o primeiro partido da tempada, que foi interrompido, segundo explicou o pasado 3 de outubro, por unha denuncia de LaLiga e da LNFS. Na pasada terza feira pola noite, si ofreceu imaxes da terceira xornada do campionato, ante o Movistar Inter (0-3).

Falta de puntería

No deportivo, o vixente campión da competición Movistar Inter conseguiu dobregar, non sen esforzo, ao Pescados Rubén no sempre complicado pavillón de Vista Alegre. O conxunto mariñao chegaba á cita avalado polas dúas vitorias conseguidas no arranque ligueiro. 

O Burela FS e o Movistar mantiveron un duelo vibrante, con alternativas continuas no mando e moitas ocasións. Non obstante, o equipo madrileño fixo valer a súa maior calidade na definición e os reflexos dun redeiro de garantías. Pola contra, o cadro galego careceu da puntería necesaria para facer gol.

O partido, con todo, chegou ao minuto 28 cunha mínima vantaxe para os visitantes. Malia encaixar o segundo, os laranxas continuaron a pelexar e apertar o potente Movistar e o seu porteiro, un meta dun infranqueábel Herrero. Finalmente, xa con Quintela de porteiro xogador, o equipo madrileño sentenciou co 0-3 nun cabezazo de Dani Saldise tras acción de Pito. 

Precisamente Quintela foi quen, con 0-0 aínda no electrónico, mandou a bóla á madeira, unha acción que puido cambiar o devir do encontro. A mesma madeira que con 0-3 rexeitou un disparo de Pitero.

Un punto para O Parrulo

A mesma boa actuación máis mellor sorte tivo O Parrulo Ferrol, que tras un arranque da competición con dúbidas, ofreceu ante o Santa Coloma ─co que empatou a catro goles─ os mellores minutos até agora.

O partido, disputado na Malata, tamén na terza feira pola noite, comezou co xogo en media pista e sen un claro dominador. Pouco a pouco, o equipo visitante foi tendo maior presenza ofensiva. Chegou unha primeira e unha segunda vez, e na terceira conseguiu o tanto.

O Parrulo arrepúxose, subiu liñas e fíxose co control do partido. Empatou axiña e dispuxo varias ocasións máis para adiantarse. Porén, o choque chegou con 1-1 ao descanso.

Na segunda metade, aínda houbo maior intensidade. O Parrulo fixo o 2-1 tras unha gran xogada, mais o Santa Coloma empatou nunha falta con algo de fortuna. Repetirían os visitantes co 2-3 nunha saída do porteiro local. Os da casa tiraron entón de afouteza e Miguel asinou o seu terceiro gol para o empate a tres. 

E con menos de tres minutos para o final, semellaba que o 4-3 conseguido por Adri sería definitivo, mais unha gran xogada colectiva do Santa Coloma finalizou co tanto de Drahovsky que poñía o 4-4 definitivo.

Comentarios