Opinión

Burbullas

Ultimamente semella que o coronavirus aumenta a nosa sensación de vivirmos en burbullas. Persoas illadas, cadaquén ao seu. Porén, teño para min que as burbullas son só unha ficción con diferentes matices.

É doado vivir na burbulla cando se teñen cartos e un nivel importante de benestar. Imaxino que só de aí pode saír a tropa esa que se opón á nova lei de educación, que pensan que o Estado está para garantir a “liberdade de elección” de persoas privilexiadas no canto de para garantir o acceso de todas aos dereitos básicos, incluído o da lingua propia. Dende as súas burbullas de coches de marca dedicáronse estes días a deixarnos xordas.

Dende o interior desa burbulla imaxino que non se percibe a importancia do espazo educativo como lugar de convivencia, moito menos como unha vía de intervención social naquelas cousas que acontecen no privado. Porque precisamente neste momento, se algo importa é que alguén teña a capacidade de penetrar no que ocorre nos fogares. As mestras atentas, as médicas sensibilizadas son case as únicas vías que temos para detectar o terror e a guerra que se vive dentro das casas. Iso que denominamos violencia de xénero toma moitas formas, agrávase coas crises, cos illamentos e coa promoción social da desigualdade. Non hai dereito a elección posible nun contexto onde non se nos garante un respecto mínimo aos nosos dereitos, onde seguimos nunha sociedade que presenta as mulleres de mentireiras compulsivas, que castiga a aquelas que saen do espazo violento, que nos envía relatos de precaución con cada asasinato.

Coa xente que vive nas súas burbullas, claro, isto non vai. Son os señores que, no mellor dos casos, prefiren mirar cara a outro lado. Os que saben dos comportamentos dos seus amigos, compañeiros de traballo, veciños... E non din nada. Son as institucións que calan e poñen trabas, que botan a culpa ás vítimas ou que agardan que se denuncie cando sabemos que o sistema xudicial revitimiza. Son as mulleres que pretenden facernos crer que a violencia de xénero só acontece a “outras” (migrantes, racializadas, de clase traballadora) para non ter que facer fronte á realidade última de que mesmo dentro de calquera burbulla pode haber unha muller en perigo.

Por iso hoxe máis que nunca temos que facer o esforzo de coller un alfinete pequeniño e comezar a estoupar todas as burbullas que ao final permiten que a ignominia se naturalice na nosa vida do día a día.

Comentarios