Opinión

Bufandas, tolerancia e violencia

Poderíamos pensar que unha bufanda non ten importancia, que son cousas de crianzas, que non hai que perder moito tempo con iso, porque ao fin e ao cabo existe un importante sector das gradas que transcenden do mero espectáculo e fan causa política do deporte. Pensaríamos erradamente, porque estamos a falar de dereitos e liberdades esenciais e indisolúbeis nun estado democrático.

Estamos a vivir nun país no que todo o que saia do guión está a ser perseguido e penado, co engadido de que ao mesmo tempo se consenten simboloxía e apoloxía do totalitarismo. Equiparar unha estreleira cunha bandeira nazi non é desproporcionado, é que non ten pés nin cabeza. O xogo da confusión emprégase co fin de censurar ideoloxías e sentimentos que son molestos para o sistema. A irrenunciábel unidade do Estado español non ía a ser menos. É o fundamental, ao fin e ao cabo.

Só unha mente enfermiza pode considerar que unha bufanda dos Celtarras é algunha sorte de apoloxía a un terrorismo que forma parte xa da historia do Estado español. Que llo digan ao grupo músico­satírico Poetarras. O seu nome deu pé para criticar ao goberno pontevedrés do BNG. Incluso cando tivo que mencionarse o seu nome nun telexornal o filtro da corrección obrigou ao troco do seu nome por Poetas. Morte á sátira e á liberdade, que viva o politicamente correcto.

Só unha mente enfermiza pode considerar que unha bufanda dos Celtarras é algunha sorte de apoloxía a un terrorismo que forma parte xa da historia do Estado español

Agora tocoulle a un pobre seareiro cunha bufanda que tivo o enorme pecado de conxugar ”Nós” coa figura de Castelao. Que ben farían outras bancadas en encher as súas simboloxías de tan insignes referentes culturais. Mais antes foi aquel seareiro que, indo a animar á súa equipa fora do país, tivo que escoitar dun membro das forzas e corpos de seguridade do Estado que non podía introducir unha estreleira, rematando a conversa cunha amábel consideración de “follavacas”.

Cantos casos máis imos ter que soportar para decatarnos de que molestamos, que non nos queren pero queren que non nos marchemos. A galega e o galego caladiño e submiso é o que arquetipo ideal. Que se deixe espoliar, que practique a diglosia en troques do orgullo da súa Terra, que siga pelexándose máis coa veciñanza que con quen o menospreza.

Por iso eu digo que toda a afección futbolista de Galiza debe ser unha soa voz, esixir con dignidade o respecto á nosa identidade, o exercicio da liberdade. Se unha estreleira nun estadio xera violencia, persígase ao agresor e non ao agredido.

E, como non, non me esquezo de Jimmy, que non foi asasinado por unha bufanda. Responsábeis da seguridade nos estadios, persigan a eses. Xa saben de quen se tratan.

Este artigo viu a luz en nonvalefurar.gal

Comentarios