Bruxelas deriva nas explotacións a xestión da crise do leite

Autoriza a agrupación de axentes para reducir a produción activando, por vez primeira, o artigo 22 da Organización Común do Mercado (OMC).

Vaca

Esta segunda feira (14 de marzo) o comisario de Agricultura e desenvolvemento rural da UE, o irlandés Phil Hogan, anunciou o pacote de medidas que as autoridades comunitarias están dispostas a adoptar no marco da crise que atinxe o sector lácteo após a desaparición das cotas en 2015. 

Embora o Estado español, através da ministra de Agricultura, e Franza entre outros estados membros defendían un aumento do prezo de intervención pública, a Comisión rexeitou taxativamente esta idea. En troca, aceptou que se multiplique por dous a compra de leite desnatado en pó e manteiga até 280 mil e 100 mil toneladas, ora ben, a prezo fixo. 

A UE permitirá que explotacións e cooperativas se unan para reducir as súas producións

Entretanto, Phil Hogan anunciou que activarán por vez primeira o artigo 22 da Organización Común do Mercado (OCM) para pemitir que as explotacións e outros axentes poidan organizarse e reducir a produción perante o incremento do 2,5% en 2015 após a supresión das cotas. De facto, a Comisión europea deixa en mans d@s gandeir@s a xestión da crise e a activación deste mecanismo unicamente tería un carácter "temporal". 

Desde as organizacións sindicais critican a decisión que coidan "decepcionante" e aseguran que a redución da produción debería estar "encabezada" polos propios estados membros. "Néganse a regular e din regulade vós", asegurou Xabier Gómez Santiso desde o Sindicato Labrego Galego

As organizacións achan o pacote de medidas "decepcionante"

Pola súa banda, Javier Iglesias de Unións Agrarias coida que a medida é "interesante" mais que debería estar liderada polos propios gobernos de maneira coordenada e con "incentivos públicos". Do contrario, subliña, "poderíase estar a provocar incentivar as desigualdades produción-consumo". 

"O que fai falta", acrecentan desde o SLG, "é que se lexisle, para ter todos a mesma lei porque, se non, estamos perdidos". 

O pacote de medidas anunciado pola Comisión abrangue tamén a posibilidade de que sexan concedidas axudas á produción até un máximo de 15 mil euros anuais por explotación. Porén, esta opción aínda podería demorarse sete meses. 

Comentarios