Bruxelas debaterá a reforma da lei do aborto

Un eventual rexeitamento da Eurocámara poría contra as cordas ao PP no debate sobre o aborto. O anteproxecto de lei de reforma aprobado polo goberno español será debatido no Parlamento europeo esta quinta feira (16 de xaneiro). Boa parte d@s europarlamentares --mesmo liberais-- poderian amosar o seu rexeitamento á nova norma o que suporía un duro golpe para o PP. 

aborto

Baixo o epígrafe de 'Non discriminación nos dereitos sexuais e reprodutivos' o Parlamento europeo debaterá esta quinta feira a respeito do anteproxecto de lei polos dereitos do concibido e da muller grávida aprobado polo goberno español o pasado mes de decembro.

Como resultado dunha demanda social a través das redes baixo o hastag #nomorehangers (Non máis perchas) e da proposta achegada polos grupos parlamentares da ALE-Verdes, esquerda unitaria e socialdemócratas, Estrasburgo deberá tomar parte do debate xerado arredor da que é unha das normas máis involucionistas en materia de dereitos presentada en democracia. 

A medida conta a priori co rexeitamento de boa parte d@s eurodeputad@s --mesmo liberais-- que defenden unha lexislación de prazos como a vixente na maior parte dos Estados Membros. Así mesmo, o propio presidente da Comisión dos dereitos da muller, o sueco Mikael Gustafsson, xa se amosou contrario á medida pouco despois de se coñecer o contido do anteproxecto. 

Un retroceso de 30 anos

A través dunha carta enviada ao conxunto de parlamentares da Eurocámara, Mikael Gustafsson, trasladou a súa "grande preocupación" polo texto que coidou un "claro retroceso" nos dereitos das mulleres "de máis de 30 anos". Aliás, asegurou que o dereito das mulleres a decidiren sobre o seu propio corpo supón "unha cuestión de dereitos humanos" que se vería vulnerada de saír adiante a reforma. 

Xunto a el, perto da metade da Cámara (o 40% das forzas que conforman a esquerda europea) avanzaron que rexeitarán nas súas intervencións a política involucionista do PP español a respeito da reforma do aborto, á que aludirán de maneira expresa no debate malia o eeu carácter xeral. A esta postura poderían mesmo sumarse deputad@s liberais. Porén, o PPE exixiu que o debate non remate cunha votación --que o deixaría contra as cordas-- o que impedirá que se aprobe unha resolución. 

Para @s populares a nivel europeo esta cuestión ultrapasa as competencias comunitarias ao se tratar dun "asunto doméstico" --como se coñece na política da UE aos asuntos internos dos Estados Membros-- o que impediría ás institucións actuaren.

Mais o certo é que o debate aberto --social e politicamente-- arredor desta cuestión e que alcanzou xa as institucións europeas, reflicte o cariz regresivo e unilateral da proposta que mesmo está a espertar críticas no seo do partido até o punto de que algúns deputad@s solicitaron liberdade de voto durante o proceso lexislativo. 

Comentarios