No 172 aniversario dos Mártires de Carral: breve noticia do provincialismo galego

A primeira manifestación do galeguismo político, o chamado provincialismo, nace nos anos 1840-1846, no seo do partido progresista, isto é, na esquerda liberal do momento e só uns anos máis tarde que o seu homónimo catalán. Debe o seu nome á defensa da recuperación da unidade institucional preexistente, o Reino ou provincia de Galicia, destruida e fragmentada en 1833 nas catro provincias actuais pola reforma de Javier de Burgos.

[Imaxe: Pepe do Couto] Placa co nome dos Mártires de Carral
photo_camera Placa co nome dos Mártires de Carral [Imaxe: Pepe do Couto]

O primeiro grupo provincialista, moi concentrado en Santiago, estaba formado por entre cincuenta e setenta persoas, das que máis da metade eran estudiantes da Universidade e o resto médicos, avogados, profesores e algún militar. O seu centro de reunión era a Academia Literaria de Santiago, onde debatían cuestións de historia, dereito, economía e literatura con posturas moi avanzadas que mesmo se interesaban polos socialistas utópicos. Tamén editaban periódicos non diarios, dos que os máis relevantes para a xénese do seu ideario foron El Recreo Compostelano (1842-1843), dirixido por Antonio Neira de Mosquera e Antolín Faraldo e El Porvenir (1845), redactado por este último e Xosé Rúa Figueroa.

Os caracteres diferenciadores deste novo ideosistema en formación respecto do progresismo español, co que seguen a compartir moitos elementos nomeadamente no plano da política, son os seguintes. En primeiro lugar, Galicia, o seu pasado, a súa identidade, os seus problemas e a arela de dignificala pasan a ocupar o centro das súas preocupacións. De aquí que se rebelen contra as aldraxes e estereotipos negativos no pasado e no presente, que pretenden combatir co seu contrario, proclamando as bondades e logros do pobo galego, empezando pola súa independencia pasada.

En concordancia co anterior Antolín Faraldo, nos seus artigos en El Recreo Compostelano, introduce no pensamento galego o historicismo, isto é, a convicción do carácter singular de cada pobo, que se manifesta nunha traxectoria histórica propia e ás veces tamén, como no caso de Galicia, nun conxunto de caracteres étnicos específicos. Para isto último incorporan a tese da orixe celta dos galegos, enunciada en 1838 polo pre-provincialista Joseph Verea i Aguiar na súa Historia de Galicia. En suma, na súa opinión, Galicia era un organismo colectivo que, por existir obxectivamente, tiña uns dereitos culturais, económicos e políticos que compría atender e para iso era necesaria unha descentralización do poder, que non detallaban. Con todo, é evidente que estableceron o embrión do que, andando o tempo, será o concepto de Galiza-nación.

Porén, e se ben de cando en vez falan de nación galega en tempo pasado, a nación presente, en canto suxeito de soberanía lexítimo, de momento seguía a ser para eles a española. E isto era así porque estes primeiros galeguistas, cando pensaban e actuaban políticamente, facíano, non como provincialistas, senón como progresistas (a gran maioría) ou como moderados (só uns poucos). De aquí a súa participación nas xuntas revolucionarias de 1840 e de 1843 e sobre todo no pronuciamento iniciado polo comandante gaditano Miguel Solís en Lugo o 2 de abril de 1846 contra o goberno moderado de Narváez. A presenza provincialista na base civil da sublevación foi importante. Dous provincialistas, Pío Rodríguez Terrazo e Antolín Faraldo ocuparon, respectivamente, a presidencia e a secretaría da Junta Superior, ou goberno político, e o segundo dirixiu o seu voceiro La Revolución. A derrota final dos alzados, o fusilamento de Solís e once dos seus oficiais en Carral o 26 de abril e a represión conseguinte provocaron a desbandada transitoria do grupo. Os seus membros tiveron que agocharse ou fuxir de Galicia como nos casos de Antolín Faraldo ou do poeta Francisco Añón.

Estableceron o embrión do que, andando o tempo, será o concepto de Galiza-nación

Pero ficaron os suficientes para facer de ponte coa xeración seguinte, a de Manuel Murguía, Rosalía de Castro e tantos outros. Estes xoves, que se reunían no Liceo de la Juventud de Santiago, recolleron a herdanza ideolóxica dos precursores, convertiron aos fusilados de Carral nos seus primeiros mártires, reanudaron o desenvolvemento do discurso galeguista e promoveron o rexurdimento literario do galego. En cambio, á penas actuaron en política, de xeito que, até a aparición do rexionalismo en 1885-1900, o provincialismo só foi en realidade unha corrente de opinión no seo da prensa e da intelectualidade galega.

Mais neste eido amósaronse moi activos. Foron moitos os periódicos e revistas dirixidos por provincialistas ou nos que estes tiñan unha notable presenza. Entre os máis importantes estaban El Clamor de Galicia (1854-56), de Benito Vicetto na Coruña; La Oliva (1856-57), de Juan Compañel, Alexandre Chao e Manuel Murguía en Vigo; Galicia. Revista Universal de este Reino (1860-66), de Antonio e Francisco de la Iglesia na Coruña; O Tío Marcos d’a Portela (1876-88), de Valentín Lamas Carvajal en Ourense; e La Ilustración Gallega y Asturiana (1878-1882), De Alexandre Chao e

Manuel Murguía en Madrid. Case todos estas cabeceiras apoiaron ademais as posturas políticas máis avanzadas durante o reinado isabelino, polo que adoita ser difícil trazar a divisoria entre provincialistas e aqueles progresistas ou demócratas máis receptivos ás peculiaridades de Galicia. A axitada loita política do sexenio 1868-1874 eclipsou de momento a voz provincialista que, sen embargo, se recuperou rápidamente na primeira década da Restauración.

A derrota final dos alzados, o fusilamento de Solís e once dos seus oficiais en Carral o 26 de abril de 1846 e a represión conseguinte provocaron a desbandada transitoria do grupo

Os legados maiores do provincialismo foron o rexurdimento literario, a consolidación dunha historiografía galeguista e as bases conceptuais maiores das ideoloxías rexionalista e nacionalista posteriores. A vontade provincialista de devolver ao idioma do pobo o seu perdido rango de lingua culta e literaria é o motor do Rexurdimento. Os poetas precursores (Camino, Añón, Pintos) pertencen á primeira xeración de provincialistas, pero serán os da segunda (Rosalía, Pondal) e os da terceira (Curros Enríquez, Lamas Carvajal) quen lle darán o pulo definitivo. Como é ben sabido este renacer ten, no período propiamente provincialista, dous grandes fitos: os primeiros Xogos Frorais (A Coruña, 1861), dos que as composicións presentadas se publican no Álbum de la Caridad en 1862 xunto cunha antoloxía que inclúe xa cuarenta poetas en galego; e os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro en 1863. Xa nos anos oitenta, na trasición do provincialismo ao rexionalismo, chegará a consolidación no eido da poesía, se ben a da prosa literaria e ensaística en galego terá que agardar ás Irmandades da Fala (1916-1931), das que celebramos este ano o seu centenario.

O segundo aspecto fundamental deste proceso é unha reconstrucción da historia de Galicia que senta as bases do discurso rexionalista e nacionalista posterior. As ideas de Faraldo son reelaboradas por Murguía en 1865, na introducción a súa Historia de Galicia, quen deixa case completo o concepto de Galicia-nación: a raza celta, asentada na terra galega, desenvolveu un alma ou carácter nacional, logo perfeccionado pola incorporación do cristianismo. Isto, sumado á lingua propia, fan do galego un pobo nacionalmente diferente de calquera outro. Ficaba a disposición das xeracións seguintes a idea central e impresindible para calquera nacionalismo.

 

Justo Beramendi, Catedrático da USC e autor de dunha abondosa bibliografía sobre a historia do nacionalismo.

 

Este artigo apareceu no A Fondo número 138, que viu a luz conxuntamente co Sermos Galiza número 191 a 14 de abril de 2016. Disponíbel na nosa loxa

Comentarios