Braulio Vilariño

“No Agrocuir estamos en contra do pink washing que o capitalismo fai coa loita LGTB”

O palense fala sobre o festival Agrocuir, que terá lugar o 24 e 25 de agosto na Granxa Maruxa de Monterroso.

braulio
photo_camera Braulio Vilariño

Áureas, Sacha na Horta, Alba María, Baiuca… O festival Agrocuir xermola na última fin de semana de agosto na parroquia monterrosina de Cumbraos. A carballeira da Granxa Maruxa será escenario da quinta edición deste festival que afonda os pés no patrimonio natural da comarca da Ulloa e pon a ollada firme na loita LGTB. Braulio Vilariño, un dos impulsores do evento, debulla nunha conversa para Sermos Galiza os avatares da programación e do impacto do evento na comarca.

-As reivindicacións do ano pasado estaban centradas na mudanza de nome, de Agrogay a Agrocuir, e na deseucaliptización. Este ano, en que focades?

-Hai dous pivotes fundamentais nos que se apoia o noso festival. Un piar é a reivindicación de xénero, de calquera xénero. Outro piar é a defensa do patrimonio natural, en concreto o bosque autóctono da Ulloa. Iso sempre vai ser así. Logo, este ano estamos traballando o concepto de “naturalización” que nos relaciona co medio natural diverso, non orientado exclusivamente a unha produción como o caso do eucalipto, millo transxénico, gandaría extensiva… A biodiversidade completa ben entendida, e ao mesmo tempo a naturalización da cuestión de xénero fronte a un concepto máis do pasado que é a “normalización”. A norma é algo aleatorio, que se fai en determinado momento e que sempre ten unhas pautas. Nós imos polo concepto de ”naturalización”.

Logo, este ano na carballeira da granxa imos ter algo que se vai chamar A Carballeira das Mulleres, na que grupos de mulleres van ter o seu carballo, agrupados por devanceiras da Galiza, literatas do XIX… e a partir da Guerra Civil e da represión franquista até hoxe xa van ser adicados a persoas do mundo da ciencia, da literatura, da historia, que foran represaliadas polo franquismo, grandes mestras… Son carballos centenarios.

-Ao fío da produción no rural, hai unha cuestión chave que é a ideoloxía anticapitalista. Fuxides da comercialización típica das grandes cidades no Orgullo?

-Ten que existir e está ben que exista, mais non levamos esa liña. A nosa liña é precisamente anticapitalista. O capital sabe engulir axiña todo o que en principio nace e o contradí. Entón, rapidamente engóleo e o asimílao, devolvéndonolo convertido en produto. A cuestión homosexual no século XIX e despois dos anos 60 foi ao principio algo revolucionario e logo se converteu nunha mercadoría que segue estando aí. Foi chegando a unhas contradicións incríbeis. Por iso cando alguén fala hoxe do “lobby gay”, pois podemos chegar a pensar que así é, porque en moitos casos do mundo, hai grandes capitalistas que defenden ese pink washing. Todo moi pintadiño de rosa mais agochando que segue habendo unha homofobia grande mais defendendo esa postura e esa actitude. Por iso, nas grandes cidades a liña do Orgullo vai un pouco por aí. E os partidos políticos evidentemente apóianse nestas cuestións. Está ben que se regulamentaran certas cousas, mais tamén hai outras coas que nós estamos totalmente en contra.

-Por exemplo?

-A historia da subrogación da maternidade, que se chama así e é outro pink washing, porque realmente non é máis que un comercio con seres humanos, son ventres de aluguer e é outra explotación máis. E nós estamos totalmente en contra, sobre todo desas parellas gays homes que reclaman un dereito. Que dereito? Eu creo que teñen dereito de adopción, que hai moitos nenos que precisan pais, mais non hai lugar a que, como teñen moita pasta, aluguen ventres de mulleres do terceiro mundo onde se está a xerar outro mercado de humanos, cousa coa que estamos totalmente en contra. E claro, iso está apoiado por eses lobbys capitalistas rosas. Claro, “queremos ter un fillo, mais coa xenética nosa”.

-Ten isto moito que ver coa capacidade do capitalismo de ir comercializando todos os aspectos da vida humana?

-Si. E nós nesa cuestión estamos na liña da defensa dos dereitos das mulleres.

-Ves tamén curioso como certos partidos que hai anos estaban en contra de loitas como a legalización do matrimonio homosexual tomen agora partido polo “dereito a ter fillos” das parellas gays?

-Claro, é un nicho de voto! E precisamente ao ter avanzado tanto nas liberdades xenéricas e sexuais hai moitos gays e lesbianas e trans de ideoloxías non esquerdistas. Durante moito tempo iso foi asimilado por unha ideoloxía esquerdista mais xa non. Viven nunha contradición, evidentemente, mais van ser tamén votantes de partidos de dereita. Nós estamos á marxe disto. A nosa historia é militante, mais de esquerda.

-O ano pasado considerabades a opción de incorporar as casas de recepción. Finalmente deuse levado a cabo?

-Isto foi difícil, convencemos a máis xente para poñer a disposición algún cuarto, mais non deu tempo aínda. A idea é convencer de que é posíbel, de meter a alguén na casa e que sexa agradábel. Custa porque, por exemplo, aquí faise cos músicos e os propios organizadores procuran sitio, mais son menos sitios. Nós conseguimos algunhas casas, e non é unha cousa de aluguer senón a vontade. Isto a ver se se vai pouco a pouco desenvolvendo máis.

-O Agrocuir dista moito doutro tipo de celebracións polo seu rexistro, que procura incluír xente de todas as idades, crianzas, familias…

-Si, e cada vez hai máis nenos! O noso realmente é unha romaría popular e tamén busca esa reivindicación. Fronte todas esas celebracións nas vilas e nas aldeas que é toda esa historia espectacular tardísima e carísima, nós queremos volver ás xornadas diurnas, onde a xente se encontra, comparte a comida, as actividades da mañá, están os nenos, os maiores, todo o mundo xunto. Hai un espazo tamén para tomar a sesta e estar tranquilo… Procuramos ese ambiente, que é realmente o que gusta do festival, independentemente do contido ou orientación que poida ter. Unha romaría popular e familiar.

-A xente que vive aí, como recibe o festival?

-Cada vez están máis identificados con el. Cada vez vén máis xente de aquí. Moitos xa levan o xantar e van comer alí. É iso tamén, o poder estar no chan, enriba duns manteis como era hai 50 anos. Ou sexa, é ese espírito da romaría. A ese nivel, cada vez hai unha implicación maior. E despois, a nivel empresarial, cada vez están máis contentos porque hai beneficio e hai negocio. Todos están cada vez máis encantados e cada vez ven máis xente da zona. De feito, coa limitación de aforo agora están máis nerviosos co tema das entradas.

-En realidade, desde o primeiro ano o festival foi un éxito de convocatoria. Ves perigo de masificación ou de adoecer de éxito?

-Claro, nós este ano estamos a recibir chamadas de medios, están a darnos moita voz, mais desta volta procuramos non facer nada especial, porque senón xa será problemático asumir a cantidade de público que pode querer vir. E tivemos que poñer un límite, e despois haberá venta de entradas na porta mais procuraremos que siga habendo ese ambiente cómodo. E logo está a xente que traemos para as actuacións... desde logo hai calidade, mais non é a historia de súper figuras que chaman moito e que todos queren ver. Son artistas revelación, procuramos dar a coñecer xente emerxente nese ámbito máis íntimo. Falabas da Carballeira de Mulleres e das mulleres literatas.

-Pensades facer algo arredor da literatura de xénero?

-A literatura é algo que temos sempre pendente. Ao final non dá tempo para tanto. O ano pasado tivemos proxeccións de cinema e xente que participou, mais ao final non dá tempo a tanta actividade. Este ano, por exemplo, a literatura estará presente no senso en que Alba María estará a facer regueifas [actúa na sesión vermú do sábado 25] e dalgunha maneira a poética popular de xénero estará aí. Logo, Chan da Pólvora montará o seu stand e evidentemente estarán poetas alí e farán algo porque son cuestións improvisados. De súpeto en 15 minutos pode haber alguén recitando en Chan dá Pólvora. Porén, non hai unha actividade específica marcada porque senón, non nos dá tempo, teríamos que estar tres días ou catro. Todo se andará tamén. [ri]

-Tes abordado tamén que o Agrocuir non só pretende desbotar os prexuízos cara á diversidade de xénero, senón tamén cara ao rural, do que se pensa que hai máis discriminación só por ser un entorno rural.

-Si, claro. Ese prexuízo está dentro do rural e fóra. Por exemplo, iso de que desde fóra se vexa como un atraso ou unha paletada e ao mesmo tempo outra parte da xente ve o rural cun punto exótico. Está moi ben para ir uns días, “que guay, tío, vas á aldea...” [ri] E logo dentro do rural tamén. Ves que non é posíbel vivir e queres escapar. Porén, cada vez hai máis proxectos nos que vai quedando xente, mesmo de persoas que marcharon estudar fóra e de súpeto volven para incorporarse a proxectos de produción dentro do rural, e é iso tamén polo que estamos loitando. E está resultando. Habería que facer políticas moito máis axeitadas para a recuperación da poboación rural moza, que non marchen, porque logo calquera que queira vir aquí o único que atopa é trabas laborais, económicas… Non obstante, afortunadamente hai xente que vai incorporando. Ás veces cómpre darlle máis voz a iso e que a xente vexa que se pode vivir no rural.

-O voso colectivo centra todos os esforzos no festival ou reparte o seu traballo noutras cuestións ao longo do ano?

-O colectivo estamos noutras cousas tamén. Por exemplo, coa cuestión medioambiental estamos sempre traballando: con Quercus Sonora, Couza de Raíces, fomos ao Parlamento Europeo para denunciar a eucaliptización… Estamos en actividades ligadas a iso, tamén participamos no Instituto de Estudos Ulloáns, apoiamos o movemento contra a mina de Touro-O Pino… O do festival require ao longo de todo o ano traballo, mais estamos sempre traballando en outras cousas.

-Haberá sexta edición do Agrocuir?

-Si, desde logo! Isto ten vocación de seguir para diante. A loita non se acaba!

Comentarios