O Brasil, laboratorio de probas da vacina para a COVID-19 de Oxford

Ante a diminución dos casos de coronavirus no Reino Unido, os científicos precisan dun lugar con maiores taxas de infección para demostrar a súa efectividade.
Imaxe dun laboratorio (Foto: Europa Press).
photo_camera O obxectivo é distribuír 100 millóns de doses no Reino Unido (Europa Press)

A posíbel vacina para o novo coronavirus desenvolvida pola Universidade de Oxford no Reino Unido comezarase a probar en pacientes do Brasil este mes, segundo confirmou o Ministerio de Saúde do país sudamericano, informou O Globo.

Expertos do Instituto Jenner da universidade comezaron a desenvolver a vacina en xaneiro en chimpancés e actualmente están a traballar nas fases clínicas con humanos, onde participan 10.000 voluntarios.

Ante a diminución dos casos de coronavirus no Reino Unido, os científicos precisan dun lugar con maiores taxas de infección para demostrar a súa efectividade. O conselleiro delegado da farmacéutica AstraZeneca, Pascal Soriot, cuxa empresa chegou a un acordo con Oxford para fabricar millóns de doses, sinalou ao periódico The Times que o maior contratempo actualmente é que "a enfermidade está baixando".

Segundo os últimos datos, o Reino Unido rexistrou 281.661 casos de coronavirus e 39.904 falecementos desde que comezou a pandemia. En Brasil, pola súa banda, houbo polo momento 615.870 casos e 34.039 mortes. 

Resultados en agosto

Soriot adiantou que en agosto xa se poderá saber si a vacina en que traballa o equipo da Universidade de Oxford é eficaz. "Mais, unha vez máis, quero lembrar a todo o mundo que dependemos de algo que non podemos controlar, que é o nivel de infección", agregou o directivo da farmacéutica.

En maio, AstraZeneca informara de que, de conseguir os resultados esperados, confiaba en poder fornecer o Reino Unido de 100 millóns de doses da vacina durante os meses de setembro e outubro.

Doutra banda, nas últimas horas Estados, empresas e entidades de todo o mundo comprometéronse a achegar 8.800 millóns de dólares até 2025 á Alianza Mundial para a Inmunización e a Vacinación, co fin de impulsar a vacinación infantil en países en desenvolvemento e loitar contra o COVID-19.

Comentarios