Opinión

Bóveda aquí e agora, en nós e máis despois

Este é un lugar sagrado, éo para quen ten a confesión relixiosa católica e cristiá, para quen ten outra confesión e para todas as persoas que cren que a vida é sagrada

Discurso pronunciado por Suso de Toro durante o acto realizado no Cemiterio de San Mauro, en Pontevedra, co motivo do Día da Galiza Mártir.

Este é un lugar sagrado, éo para quen ten a confesión relixiosa católica e cristiá, para quen ten outra confesión e para todas as persoas que cren que a vida é sagrada e a memoria dos vivos é cousa a venerar. Conmemoramos a Alexandre Bóveda porque veneramos a súa memoria.

E, conmemorando a Bóveda, celebramos as cousas boas que hai en nós en tanto que habitantes deste país, en tanto que membros desta comunidade humana.

Unha comunidade humana, unha terra, que ten vivido a historia como unha sucesión de golpes e catástrofes, un país indefenso que foi sometido a algunhas experiencias particularmente crueis. Mais esa historia é a nosa historia, infórmanos do noso deber e móstranos as tarefas que temos a facer. Esa historia é a que nos fai ser quen somos, cidadáns e cidadás desta Galiza, esta xente aquí viva que segue a proclamar a nosa liberdade e a liberdade dos que xa non viven.

Esta Galiza viva é filla e neta da Galiza martirizada, non renunciamos ao noso pasado por duro que sexa porque non renunciamos á nación galega, aos nosos maiores e aos nosos mortos. E facémolo en alta voz. Con alegría cargamos a amarga memoria pois esas lembranzas son as que nos fan proseguir a ser orgullosamente galegos e galegas, cidadáns e cidadás dun país de noso.

Esta Galiza viva é filla e neta da Galiza martirizada, non renunciamos ao noso pasado por duro que sexa porque non renunciamos á nación galega

É ben paradóxico invocar a alegría nun cemiterio, falar de esperanza con motivo dunha morte tan tráxica. Mais somos xente alegre e esperanzada porque cargamos a liberdade, que é irremediábelmente alegre, e apostamos pola esperanza. En alta voz dicimos sen medo nin vergoña o que foi certo, o que é certo: asasinaron a Alexandre Bóveda Iglesias, varón de 33 anos e veciño desta cidade. Fixéronlle mal a Bóveda por facerlle dano aos nosos avós e avoas, aos nosos pais e nais, aos nosos netos e netas. Por facernos dano a nós. Para quitarnos as cousas mellores, para romper un espello de decencia no que ollarnos e de quen aprender.

A figura de Bóveda é temíbel para quen vive na mentira e na indignidade, porque ten a forza dunha limpeza impecábel. Fronte aos farfalláns aparece Alexandre coa súa humildade; fronte á pretenciosidade aparece coa súa intelixencia útil, clara e transparente; fronte a vacuidade aparece coa súa gravedade de home unido á vida. A vida de Bóveda é a contraria dos que se emborcallan no fracaso e chaman pola morte, é a vida dun home útil aos demais e que desexa unha mellor vida para todo o mundo. Contra as proclamas terríbeis, contra as fazañas de sangue, el representa a épica dunha persoa común que se levanta desde a vida plena dun noivo namorado e pai orgulloso, dun veciño da súa cidade e cidadán do seu país. Alguén temíbel para os amos do medo porque era alguén que, doéndose dos males sociais e nacionais, buscou solucións nas matemáticas da esperanza.

A figura de Bóveda é temíbel para quen vive na mentira e na indignidade, porque ten a forza dunha limpeza impecábel

El deu co resultado dunha operación aritmética máxica: sumou, restou, dividiu e multiplicou e deu coa cifra exacta do soño dunha nación galega libre, digna e próspera. Non querían que nós coñecésemos esa cifra. Transmitiunola unha musa chamada “lealdade”. Para dar con esa cifra temos que sumar os ideais herdados, dividilos pola suma de dificultades prácticas e multiplicalos pola coraxe e decisión. O resultado dá unha fórmula: “Unha Galiza libre, xusta e próspera é posíbel”.

Como non habían odiar a Bóveda quen odie a vida, os soños e a liberdade! Como non habían odiar a aquel home de fasquía discreta que realmente ardía de paixón!

El deu co resultado dunha operación aritmética máxica: sumou, restou, dividiu e multiplicou e deu coa cifra exacta do soño dunha nación galega libre, digna e próspera

Queremos ser os seus fillos e fillas, somos os seus fillos e fillas. Somos xente apaixonada e andamos estes días unha outra vez e outra e as que se precisen, a levantar o soño. Hai uns días un 25 de Xullo de alegría e unidade botou a andar unha nova brisa que espalla polas persoas a través de todo o país unha consigna, “Galiza existe, Galiza é posíbel”. Podemos construir a vida desde aquí.

Conmemoramos a Alexandre Bóveda Iglesias, lembramos obstinadamente un Agosto que levou tantas vidas, Ánxel Casal e tanta xente. Porén, tamén celebramos un Agosto que vai ser lembrado, o que paira de vez a unión da xente que ama este país. Somos xente apaixonada, estamos obrigados a selo pois está na nosa man ser libres e estamos vivos, vivas, e o noso deber coa vida é axir para que a Galiza exista. O que hoxe estamos a facer aquí, o que fixemos o 25 de Xullo, o que estamos a facer neste Agosto de revancha civil e alegre, o que faremos para diante ha ser tecer unión para que a Galiza exista. Porque somos fillos dun Bóveda apaixonado andamos a tecer unha unión útil. Alexandre, que o saibas.

Porque somos fillos dun Bóveda apaixonado andamos a tecer unha unión útil. Alexandre, que o saibas

Ti estás aí e contémplasnos, como nos está a contemplar xa a historia cos ollos do futuro, e perante a túa sombra prometemos fidelidade ao teu mesmo soño. Non renunciaremos nin traizoaremos. Fixemos, facemos e faremos para que a Galiza exista. Ese é tamén o destino que libremente escollemos. Prometémoscho, Alexandre.

Onde nós construamos estes días de Agosto, onde nós unamos, por alí entremedio andarás ti. Sabémolo. Deica sempre, deica logo.

E porque, que querian que non, Galiza é unha nación: Viva Galiza ceibe!

Comentarios