COLABORADOR DE SERMOS GALIZA

Borxa Tenreiro, colaborador de Sermos Galiza, gaña o XII Premio artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

O xurado destaca a capacidade de argumentación e clareza expositiva do artigo 'Non por min; por eles', deste tradutor ferrolán que reside en Lisboa. Ao premio concorreron 37 traballos.

Borxa Tenreiro
photo_camera Borxa Tenreiro

Borxa González Tenreiro, tradutor natural de Ferrol e residente en Lisboa e colaborador de Sermos Galiza, é o gañador da XII edición do premio a artigos xornalísticos normalizadores que convoca o Concello de Carballo. Un certame ao que concorreron un total de 37 traballos e onde o xurado elixiu 'Non por min; por eles', de Borxa Tenreiro.

O xurado acordou por unanimidade concederlle o premio, dotado con 1.000 euros en metálico e a publicación en todos os medios colaboradores, a este artigo. Os argumentos do xurado para esta decisión son “pola súa capacidade de argumentación a prol do ben común, polo seu pragmatismo na defensa do idioma e a capacidade de transcender a argumentos románticos ou abstratos, cos que se procura desmontar a falsa dicotomía entre plurilingüismo e defensa do galego, e que desde o coñecemento de diversas realidades sociolingüísticas realiza unha proposta clara para a defensa da lingua, neste caso a inmersión lingüística. Destácase a clareza expositiva e que o artigo é un alegato contra un suposto dereito á ignorancia que foi axitado nalgún sectores”. Logo da apertura da plica, coñécese o nome do autor, que é Borxa González Tenreiro.

O xurado estivo formado por Inés Rodríguez Muíño, concelleira de Normalización Lingüística, como presidenta do xurado;. Luz Cures Vázquez, gañadora da edición anterior e profesora de lingua galega no ensino secundario; Olalla Rodil Fernández, redactora de Sermos Galiza; David Lombao Rodríguez, director de Praza Pública; e Nel Vidal Barral, técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario, con voz e sen voto.

Comentarios