Opinión

Borrador do decreto para regular as novas plantacións de eucaliptus

No Consello Forestal de Galiza, celebrado o pasado día 17 de Febreiro de 2017, a Consellaría do Medio Rural presentou o borrador dun decreto para regular as novas plantacions de eucaliptus no territorio galego. O borrador presentado é cativo e insuficente e o que vén significar na práctica é unha moratoria para que se poida seguir plantando eucaliptus baixo a aparencia de regulalos. A presentación deste borrador no Consello Forestal do día 17 de Febreiro  de 2017 demostra a mentira do Sr. Presidente da Xunta de Galiza, cando hai mais ou menos un mes vendeu nos medios de comunicación social a existencia dun consenso do sector ante esta regulación. Mal pode haber consenso onte sobre un documento que se presenta hoxe . 

O borrador non contempla a prohibición das novas plantacións de eucaliptus cando a superficie existente na actualidade plantada por esta especie supera en case 300 mil hectareas o que estaba planificado no vixente Plano Foresta. Como tampouco contempla a eliminación do eucaliptus nintens, especie considerada como invasora noutras zonas do Estado Español e que nos montes do interior da nosa nación xa ocupa mais de 20 mil hectáreas.

O borrador non contempla a eliminación do eucaliptus nintens, especie considerada como invasora noutras zonas do Estado Español

No borrador presentado, nada se fala de ordenar as plantacions existentes en marcos axeitados nin de eliminar os eucaliptos plantados en terras clasificadas como agrarias ou agrícolas (onde xa ocupan máis de 35 mil hectáreas).  Tampouco fala de eliminar os eucaliptus naquelas áreas forestais  que dispoñan de solos aptos para plantacións de frondosas caducifólicas tanto de madeira como de froito para usos gandeiros ou para froitos silvestres. Por non falar, nin fala de orientar a mesma produción de eucaliptus como madeira de calidade. Unha vez máis, o borrador do decreto está orientado ao de sempre, é dicir, a producir eucaliptus a mansalva e de baixa calidade para fornecer a industria pasteira. E tamén está orientado a reservar terra para a plantación de cultivos enerxéticos de cara a un futuro inmediato.

A pesar de que o borrador presentado para regular as novas plantacións de eucaliptus é cativo e insuficente unha parte (non toda) do sector que eles chaman forestal -mais que non é forestal, senón monte- solicitaron a retirada deste borrador. Mais non solicitaron a súa retirada por ser cativo e insuficente. Solicitaron a súa retirada por ser excesivo. Esta parte do sector “monte” - conformado pola industria forestal (Confermadera, Monte-Industria, Cluster da madeira e empresas da primeira transformación), polas empresas de servizos forestais (Asempo e Serfoga), a rama forestal de Unions Agrarias (Asefoga) e algúns titulares das terras (Asociación Forestal de Galicia e Promagal)- defende que non deben regularse as plantacións de eucaliptus. Que cada quen plante eucaliptus onde queira, como se estivesemos na lei da selva. Que o único que ten que regular as plantacions de eucaliptos é o mercado. Como se o mercado fose un ente abstracto e mesmo benefactor, cando, no rexime capitalista no que vivimos, o mercado é unha ferramenta controlada polo capital, para defender os seus intereses económicos.

O borrador do decreto está orientado ao de sempre, é dicir, a producir eucaliptus a mansalva e de baixa calidade para fornecer a industria pasteira

No seu delirio pro-eucaliptos sen control, mesmo chegaron a tachar de intervencionista  o intento da Administración Pública  por tentar unha regulación (cativa e insuficente) das novas plantacións de eucaliptus. Poderíase entender a súa  postura se tamén tachasen de intervencionista a mesma Administración Pública que promulgou un decreto non só para obrigar as comunidades de montes a investir o 40% de todos os seus ingresos en mellora e protección forestal do monte, senón para indicarlles en que actividades teñen que investir ese 40% de todos os seus ingresos. Mais para eles aquí a Administración Pública non foi intervencionista. Promulgou un decreto axeitado... axeitado aos seus intereses económicos .

Na reunión do Consello Forestal de Galiza celebrado o pasado día 17 de Febreiro de 2017, a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM)  manifestou a neceside de regular a existencia dos eucaliptus no territorio galego. Mais, como o borrador presentado é cativo e insuficente, presentará achegas ao mesmo. Achegas para permitir acadar un monte  e un medio rural multifuncional e sustentábel. E, dende a nosa humilde opinión, entendemos que tamén deberían presentar achegas todas aquelas entidades e organizacions que viven, traballan e xestionan o medio rural .


                                                                 

                               

Comentarios