Opinión

Boris contra David: Brexit ou non

A campaña do referendo británico sobre se saír ou quedar na UE, que será o 23 de xuño, entrou na fase que chaman de purdah, na que o governo xa non pode utilizar a maquinaria do estado. David Cameron utilizou esa maquinaria estatal e o diñeiro dos contribuintes para facer propaganda de quedar na UE cunha ferocidade que enraiveceu  a moitos do seu partido que queren a saída. Comparada a campaña de agora coa dos anos setenta, menos exaltada e na que Tony Benn e Jeremy Corbyn, do partido traballista, argumentaron en favor de non formar parte da futura Unión Europea frente aos conservadores europeístas, esta é unha guerra civil entre os conservadores, divididos desde hai varias décadas pola cuestión europeia. Lidera a campaña para quedar na Unión o Primeiro Ministro conservador, David Cameron,  e a de saír da Unión outro conservador,  Boris Johnson, alcalde de Londres até hai pouco. Os dous teñen case a mesma idade e educáronse en Eton e Oxford, mas, logo de se graduaren, Cameron dedicouse á política sen facer nunca outra cousa e Boris fixo carreira de xornalista, escritor e historiador:  aos vinte e tres anos empezou a traballar para The Times, logo foi corresponsal en Bruxelas do Daily Telegraph e mais adiante  director-redactor do semanario The Spectator. Aínda que os dous son Tories típicos, David é gris e Boris, vistoso.
 
A rivalidade entre David e Boris non é de agora.  Hai xa moito tempo que se fala de Boris como posível líder dun partido conservador que non está contento con Cameron.  Foi tanta a carga que fixeron todas as elites e institucións neoliberais nacionais e internacionais que sería case un milagre que o voto fose en favor de saír.  Mas pode suceder.  E o que vén depois, sexa cal for o resultado, será animado.  Dise que Bruxelas está preparando en segredo a criación dun exército europeio e que non quer que se saiba antes do referendo por medo a que iso leve a que moitos non queran seguir na UE.  E o seis de xullo publicarase o Informe Chilcot sobre a participación do Reino Unido na guerra do Iraque.  Semella que ese informe, que leva mais de sete anos preparándose e estivo submetido a presións moi fortes para que ocultara a verdade, incriminará a Blair e algúns dos seus ministros por dar a información falsa que levou a entrar na guerra. 
   

Comentarios