Imprimir

A maior parte da Galiza inicia a "desescalada"

Yuri Carrazoni | 22 de febreiro de 2021

En vermello, os concellos que entran no primeiro nivel de restricións; en laranxa, no segundo, e en azul, no terceiro (Infografía: Nós Diario).
En vermello, os concellos que entran no primeiro nivel de restricións; en laranxa, no segundo, e en azul, no terceiro (Infografía: Nós Diario).
A Consellaría de Sanidade autoriza a reapertura da hostalaría, as xuntanzas entre non conviventes e a mobilidade entre concellos co mesmo nivel de restricións en todo o país excepto nos 17 concellos máis afectados. A Galiza seguirá fechada cara ao exterior.

A desescalada na que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, viña insistindo as últimas semanas xa é unha realidade. Galiza inicia un proceso de apertura após abandonar o "nivel máximo" de risco que marca a incidencia acumulada a 14 días superior a 250. Así, a cifra actual é de 236 contaxios por cada 100.000 habitantes, fronte ao pico de 779 rexistrado o 30 de xaneiro.

Tamén descendeu a incidencia acumulada a 7 días, pasando de 430 a 86. Neste senso, após o encontro mantido esta segunda feira co Comité Clínico, o presidente anunciou un cambio de criterio a partir de agora para valorar o alivio ou endurecemento das restricións vixentes en cada concello: a incidencia a 7 e a 3 días, que considera indicadores "máis áxiles" e, polo tanto, terán un "maior peso" nas decisións do devandito Comité xunto ás cifras de ocupación hospitalaria, en especial nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI). Na segunda vaga, o proceso de apertura orquestrárase con base, fundamentalmente, nas cifras de novos contaxios e acumulados. Tamén informou que as e os expertos volverán reunirse nas terzas feiras para dispor de datos máis "finos".

Desta volta, o Comité avaliou para a toma de decisións a incidencia acumulada e a presión hospitalaria

Por outra banda, os casos activos da Covid-19 descenden novamente na Galiza a 8.066 (550 menos que os rexistrados na xornada anterior), unha cifra que segue a ser superior á de antes do Nadal. Os novos contaxios, por outra banda, foron 213 no día de onte (-76), e a taxa de positividade cae a 3%, por baixo de 5% recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a transmisión do virus. No tocante aos pasamentos, onte Sanidade notificou catro novas vítimas mortais, polo que o cómputo global ascende a 2.176.

E a presión hospitalaria segue á baixa no país, con nove pacientes coa Covid menos nas UCI, deixando un total de 146, mentres que os ingresos noutras unidades aumentan lixeiramente en tres, polo que se sitúan en 583.

Medidas para toda a Galiza

Núñez Feixoo lembrou as medidas aprobadas a pasada semana que entran agora en vigor e que afectan ao conxunto do territorio: retómanse as aulas presenciais no ensino especial (conservatorios de música, agás actividades de canto e instrumentos de vento, e escolas de idiomas), e as universidades farán o propio na vindeira segunda feira. Toda a comunidade universitaria está chamada a participar no cribado que se realizará entre o sábado 27 de febreiro e a terza feira 2 de marzo, a fin de "garantir unha volta segura ás aulas".

Tamén desde este sábado, e en toda a Galiza, os centros comerciais volverán abrir nas fins de semana, e cómpre lembrar que o comercio "non esencial" pode fechar ás 21.30 horas. O toque de recoller, pola súa banda, mantense nas 22 horas, e o país segue fechado cara ao exterior. Así mesmo, desde a pasada semana permítese de novo a actividade en espazos culturais e até tres visitas por semana nas residencias de maiores.

As medidas entrarán en vigor esta sexta feira

Alén destas cuestións, Galiza comeza percorrer o camiño dunha desescalada coa que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, segue a amosar certas reticencias instando á "prudencia" para avanzar "pasiño a pasiño". "Avanzamos nesta desescalada coa intención de non volver atrás, mais se for preciso polas circunstancias, farémolo", expuxo o presidente, quen pediu non xerar expectativas irreais: "Nin a ponte de San Xosé nin a Semana Santa van ser como nos gustaría, non podemos descartar restricións e mesmo que teñamos que volver fechar", engadiu.

Núñez Feixoo, así mesmo, fixo un chamamento á "responsabilidade individual" como a "arma máis importante" para combater a pandemia nun momento en que a variante británica é xa "predominante" na Galiza con 63% dos casos. En consecuencia, Sanidade estabelece tres niveis de alivio das restricións en función da situación epidemiolóxica de cada concello. A principal novidade do paquete de medidas aprobado onte, que entrará en vigor esta sexta feira após ser publicado no Diario Oficial da Galiza (DOG) "entre mañá e a quinta", é a supresión do concepto de "améndoa" para a mobilidade entre municipios.

A hostalaría pode abrir nos concellos do segundo e do terceiro nivel

Primeiro nivel

- Concellos afectados: Os 17 municipios cuxa incidencia acumulada a 14 días é superior a 500 (Aranga, Cabanas, Carballo, Catoira, Corcubión, o Corgo, Gomesende, A Gudiña, Guitiriz, Larouco, Malpica, Moeche, A Peroxa, Ponteceso, Pontenova, Toques e Xunqueira), o que supón 2% da poboación galega. Porén, o nivel de restricións que se aplica a cada concello podería variar de cara á sexta feira. Fican vixentes todas as limitacións actuais agás as excepcións citadas anteriormente.

- Hostalaría: A restauración segue fechada, tanto no interior como no exterior, mais, como vén sendo habitual, pode ofrecer os servizos de entrega a domicilio e recollida no local.

- Mobilidade: Estes concellos continúan fechados de modo individual, permitíndose unicamente acceder a outros municipios por motivos sanitarios, laborais ou de forza maior.

- Non conviventes: Tampouco se poden manter encontros con persoas alleas ao núcleo de convivencia.

Segundo nivel

- Concellos afectados: Aqueles cuxa incidencia a 14 días estea entre 250 e 500. Nun principio, afectará a todos os concellos das áreas sanitarias da Coruña-Cee, Ferrol e Pontevedra-O Salnés (agás os que fican no primeiro nivel) e mais outros 33 doutras áreas (Arzúa, Amoeiro, Bande, Baralla, Beade, Boborás, Cartelle, Celanova, Dodro, Frades, Guntín, Laza, A Merca, Mondariz, Monforte, Mos, Oia, Ordes, Outeiro de Rei, Pazos de Borbén, A Pobra do Brollón, O Porriño, Punxín, Rairiz de Veiga, Redondela, Rois, Sandiás, Sober, Taboada, Taboadela, Tordoia e Viana do Bolo), isto é, 44% da poboación.

- Hostalaría: Pode abrir nas terrazas cunha capacidade máxima de 50% e respectando a distancia de seguridade, sempre coa máscara posta, mais non se permite acceder ao interior. Debe fechar antes das 18 horas.

- Mobilidade: Permítese o desprazamento a calquera concello da área sanitaria en cuestión que estea no mesmo nivel de restricións.

- Non conviventes: Pódense realizar xuntanzas, en espazos públicos e privados, dun máximo de catro persoas non conviventes.

Terceiro nivel

- Concellos afectados: Os que rexistran unha incidencia menor a 250. Son os 189 municipios das áreas de Vigo, Ourense-Verín-O Barco, Lugo-A Mariña-Monforte e Compostela-O Barbanza que non entran nos dous niveis anteriores. Supón 54% da poboación.

- Hostalaría: Abre con capacidade máxima de 50% en terrazas e de 30% no interior, novamente respectando as medidas de seguridade vixentes e coa obriga de fechar ás 18 horas.

- Mobilidade: Tamén se permite a mobilidade entre municipios do mesmo nivel de incidencia, independentemente da área sanitaria. - Non conviventes: Estabelécese o mesmo límite de catro persoas non conviventes para as xuntanzas sociais.

- Deporte: No tocante á actividade deportiva, as instalacións deportivas cubertas como ximnasios ou piscinas poden abrir nos concellos deste nivel. Tamén se autoriza a práctica de deporte en grupos de até catro persoas non conviventes, coa obriga de manter a máscara posta en todo momento, quer no recinto quer ao aire libre.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/boa-parte-da-galiza-inicia-desescalada/20210222202654116364.html


© 2021 Nós Diario