Unha boa imaxe xa non chega

Un penalti máis que discutíbel (en realidade, un non penalti) liquidou as opcións do Deportivo no Metropolitano atlético. Ofereceu un aspecto máis que aseado o combo de Seedorf na súa estrea en tan impresionante marco, mais ao cabo a equipa galega voltou a casa cos petos baleiros. É a 18 derrota do curso. A salvación a estas alturas parece unha quimera.

Lucas
photo_camera Lucas, presionado por Savic, dispara a porta na ocasión máis clara do Dépor

O Atlético non necesita nada para gañar. Ás veces apenas necesita chutar a porta. Unha desas veces foi este domingo. Contra o Deportivo bastoulle con que Trujillo Suárez vise penalti nunha acción que non pasou dun levísimo empurrón de Pedro Mosquera a Saúl. Un lance que de ser penalti obrigaría a que nun partido houbese infindas penas máximas. Marcou Gameiro o agasallo e a partir daí o Atlético fixo o que mellor sabe facer, non encaixar goles. É a equipa menos vulnerábel do campionato: só recebeu 14 goles en 30 partidos (un menos que o Barça).

No primeiro acto, as cousas sucederon máis ou menos como as tiña planificado Seedorf. O Atlético asumiu o mando do xogo e o Deportivo agardou na cova, na procura dalgunha contra. E na cova estaba o pé máis dotado desta equipa, a bota zurda de Çolak. Dela saíron dous pases maxistrais que puxeron Lucas Pérez alí onde un dianteiro soña con estar: con vantaxe franca para marcar. Mais o de Monelos non definiu nun corpo a corpo con Oblak -o medo escénico, a ansiedade por golear (non o fai desde novembro)- e por aí comezou o Deportivo a perder o xogo.

Na segunda metade, o Atlético seguiu os seus instintos conservadores e cedeu cancha ao combo galego. En ataque posicional o Deportivo foi moito menos daniño para os atléticos. Apenas unha xogada de perigo en toda a segunda parte -infantilmente fanada por Bakkali- foi todo o que deu producido a escadra coruñesa. Insuficiente para equilibrar o taboleiro de marcas.

Digamos por tanto que si, que o Deportivo competiu e mostrou que ten máis fútebol do que mostra a súa clasificación -soubo conter o Atlético, soubo poñelo en certos apuros-, mais a efeitos prácticos a realidade é a que é: 20 pontos en 30 partidos e a 8 (9 se temos en conta o gol average) da salvación. Fican 8 xogos por diante. O Dépor ten que retallar ao Levante máis dun ponto por xogo. Misión case imposíbel.


Atlético de Madrid: Oblak, Carlos Isaac (Diego Costa, min. 64), Savić, Godín, Lucas Hernández, Saúl, Thomas (Toni Moya, min. 88), Gabi, Koke, Correa e Gameiro (Fernando Torres, min. 72).

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Luisinho, Guilherme, Muntari (Borja Valle, min. 63), Pedro Mosquera, Emre Çolak (Bakkali, min. 77), Lucas e Adrián (Andone, min. 82).

Gol: 1-0 Gameiro, de penalti (min. 34).

Árbitro: Trujillo Suárez (c. tinerfeño). Cartóns amarelos a Luisinho (min. 13), Carlos Isaac (min. 28), Lucas (min. 33), Diego Costa (min. 69) e Pedro Mosquera (min. 90+2).

Incidencias: partido da 30ª xornada da Liga disputado no Estadio Wanda Metropolitano ante 49.351 espectadoras e espectadores.

Comentarios