O BNG visibiliza a violencia machista que agocha a pandemia

"A violencia machista segue aí tamén en tempos Covid" é o lema escollido polo BNG para visualizas a violencia contra as mulleres.
Ana Pontón e Noa Presas presentan a camapaña do BNG polo 25-N
photo_camera Ana Pontón e Noa Presas presentan a camapaña do BNG polo 25-N. (Foto: BNG)

“Temos dereito a ser libres e iguais, a estar no mundo como queiramos sen ter que pagar pola nosa liberdade, mesmo coa vida”, reivindicou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na presentación da campaña que a formación nacionalista lanza con motivo do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia Machista.

De feito, o lema escollido polo Bloque é "A violencia machista segue aí tamén en tempos Covid", coa pretensión de transmitir a dobre mensaxe de que non se pode tolerar que a pandemia faga invisíbel este problema e que a loita continúa.

“Non imos permitir que a violencia de xénero pase a un segundo plano. Aprazar a loita contra o machismo significa dor, angustia, medo e vidas truncadas.

A violencia segue aí e non podemos baixar a garda para combatela”, explicou Pontón.

“É unha mensaxe de empoderamento para as mulleres de que a loita continúa e que o actual distanciamento social non implica a desaparición da forza colectiva que encheu as rúas os pasados 8-M e 25-N”, engadiu, chamando a non permitir que “a urxencia da Covid-19 oculte a violencia de xénero, o terrorismo machista que atenta directamente contra a liberdade e a vida da metade da poboación”.

A responsábel de Acción Feminista do BNG e deputada, Noa Presas, afirmou que “a campaña responde ao momento que nos toca vivir e por iso utiliza o elemento da máscara, que en lugar de cubrir a boca tapa os ollos, simbolizando esa advertencia que recolle o lema: a violencia segue aí e precisa de máis visibilización, lexislación, recursos, feminismo e xustiza”. 

Segundo anunciaron, proporán no Parlamento unha campaña institucional de sensibilización e exixen ao Goberno galego que incorpore nos orzamentos 2021 unha transferencia extraordinaria de 1,5 millóns de euros a concellos e destinar á loita contra a violencia machista o 1% do orzamento da Xunta da Galiza.

Comentarios