O BNG ve no adianto do debate da nación un novo intento de Feixoo de supeditar a política galega a Madrid

Ana Pontón acusa ao presidente da Xunta de non ter superado “o trauma de non poder dar o salto a Madrid” e di que está actuando “como o tonto útil do PSOE”. 
aNA pONTON 16 T
photo_camera Ana Pontón, esta segunda feira.

“O adianto é un intento de colocar o debate de Galiza debaixo do que pasa no Estado indica que Feixoo non ten a cabeza aquí, que non superou o trauma de non poder dar o salto a Madrid”, dixo Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG nunha comparecencia de prensa na que valorou o anuncio do goberno da Xunta de adiantar a data do debate do Estado da nación galega previsto para outubro.

É un xesto de infantilismo que deixa espido ao propio presidente do PP pois tenta esconder o seu balanzo detrás dunha posible nova convocatoria de eleccións consciente do fracaso da súa xestión. É unha mostra das súas propias debilidades”, subliñou a líder nacionalista.

Pontón avanzou que o BNG vai poñer "todo o seu empeño" en que no debate de política xeral “se fale dos problemas dos e das galegas”, para demostrar que outra Galiza é posíbel “porque este país non precisa máis submisión senón máis Galiza e menos Madrid, un cambio desde a nosa realidade que nos permita acabar con esa dependencia”.
 
En relación á eventual repetición electoral, a portavoz nacionalista salientou que o Bloque “está preparado para saír a por todas e acabar co indignante ninguneo dos nosos intereses porque a insignificancia política á que as forzas estatais levan a Galiza pon en risco cuestións clave como o futuro da industria electrointensiva, acabar coa estafa da AP9, conseguir un financiamento xusto ou poñer solución a problemas ambientais como o saneamento integral das rías”.

Comentarios