O BNG suspende a campaña na Mariña

Ante o brote de coronavirus.  Piden transparencia cos datos, información á veciñanza e claridade nos protocolos para garantir a seguridade sanitaria.
BNG anuncia a suspensión da campaña na Mariña polo rebrote de coronavirus.
photo_camera BNG anuncia a suspensión da campaña na Mariña polo rebrote de coronavirus.

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, anunciou que a formación nacionalista, que tiña previsto entre outros un mitin esta fin de semana, cancelou todos os actos públicos de campaña na Mariña ante o rebrote de coronavirus rexistrado na zona.

Avanzouno nun acto na Coruña, no que preguntou ao presidente da Xunta e candidato popular, Alberto Núñez Feixoo, "onde está o protocolo do Goberno da Xunta para afrontar un rebrote que está a ser moi importante".

"Onde está o plan do Goberno ante un rebrote da pandemia na Mariña, cando estamos a falar dunha cuestión de saúde dos galegos", cuestionou Ana Pontón, quen dixo que "tivo catro meses para facelo".

A líder nacionalista tamén envía unha mensaxe de "ánimo, tranquilidade e de confianza" ás persoas afectadas polo novo coronavirus na Mariña.

Galicia en Común anunciou esta quinta feira que suspendía o mitin que tiña previsto en Ribadeo e un acto con Xosé Manuel Beiras, esta fin de semana, en Viveiro.

A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, sinalou que "por responsabilidade política e social diante do rebrote" decidiron suspender a campaña. "Esiximos transparencia cos datos, información á veciñanza e claridade nos protocolos para garantir a seguridade sanitaria". 

Comentarios