Vence reivindica o “espírito construtivo de Bóveda” para traballar pola unidade do nacionalismo

O portavoz nacional do BNG reivindicou a obra e vida de Alexandre Bóveda como exemplo para os que “queremos unha Galiza de seu e confiamos nas nosas forzas”.

Galiza nova bóveda

Na Homenaxe a Alexandre Bóveda realizada nesta segunda feira en Poio o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence reivindicou o “espírito construtivo” do galeguista asasinado no 1936 para traballar pola unidade de todo o nacionalismo e todos os que estean dispostos a defender Galiza co fin de acadar un grupo parlamentar “galego e soberano” no Congreso dos deputados”.

Para o portavoz nacionalista, as aspiracións políticas de Bóveda seguen vixentes coa “necesaria defensa de Galiza como nación”. Reiterou que Galiza “ precisa un grupo parlamentario galego e soberano no Congreso dos deputados” para frear a involución centralista e antisocial e reverter ese proceso para abrir un novo escenario que recoñeza os dereitos nacionais de Galiza. Necesitamos, recalcou, “ampliar progresivamente o noso autogoberno e acadar a soberanía que desenvolva unha sociedade máis xusta e dar pulo a nosa lingua e cultura”.

O BNG sinalou que nesta data da Galiza Mártir o seu recoñecemento non se centra só en Bóvenda, senón que se estende “os cinco mil demócratas galeguistas e republicanos que morreron asasinados polo exercito de Franco” e tamén aos miles e miles que sufriron torturas e persecucións da man desa “dereita cruel e antigalega”.


 

Comentarios