En vista da evolución da pandemia,- na que esta quinta feira se superan os 10.000 casos activos-, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propón que se reforce a sanidade pública, en particular a atención hospitalaria e de camas UCI, para anticiparse e evitar calquera saturación na asistencia sanitaria hospitalaria e de urxencias. "Unha proposta que facemos en positivo e sen máis ánimo que o de contribuír a superar esta terceira onda canto antes", dixo a líder nacionalista.
O BNG, concretou Pontón, propón ampliar persoal tanto nos centros hospitalarios como de Atención Primaria, ampliar as camas UCIs e presentar no Parlamento un plan de vacinación “detallado e transparente”.
"Hai que reforzar o persoal sanitario que en moitos casos está exhausto, que acumula quendas, que leva case un ano traballando sen pausa para controlar o virus e non esquezamos que se está facendo fronte a unha pandemia tras doce anos de recortes e recortes do PP na sanidade pública, en particular na atención primaria", explicou.
O BNG indica que, segundo os datos oficiais, ao inicio da pandemia as camas de coidados intensivos do sistema público eran 166, despois incrementadas a 270 reutilizando outros espazos hospitalarios. Polo tanto, considera, a Xunta debe informar dos efectivos dispoñíbeis e valorar se son abondo en base ás prospeccións que permiten facer os datos.
A portavoz nacionalista tamén fixo fincapé en que o Sergas debe garantir a saúde máis aló da Covid, "porque hai milleiros de persoas con outro tipo de doenzas, algunhas moi graves que requiren atención, seguimento e mesmo coidados intensivos", alegou Pontón.
Finalmente, a portavoz nacional insiste na comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento para explicar a situación nesta terceira onda e para presentar o plan de vacinación.