Para un ingreso total de 190,6 millóns de euros

O BNG propón estabelecer cinco novos impostos para ir a unha fiscalidade máis progresiva

En pleno debate orzamentario, o Bloque lanza unha proposta fiscal que resultaría nun incremento da recadación para a facenda galega na contorna dos 190,6 millóns de euros. 

DSC_0056
photo_camera Noa Presas, desde a tribuna

O sistema fiscal vixente é socialmente regresivo e é ineficiente desde o punto de vista económico. Esa é a análise que fai o BNG e que leva a organización nacionalista a lanzar unha proposta de criación de cinco novos tributos, que reforzarían, aliás, a capacidade financeira da administración galega.

A proposta defendeuna esta segunda feira, desde a tribuna do Pazo do Hórreo, a portavoz de Economía do Bloque, Noa Presas. A parlamentar debullou tamén a emenda transversal da formación nacionalista ao proxecto de orzamentos do Goberno Feixoo, en virtude da cal modificaríase o destino de até 1.092 millóns de euros, con especial destaque para o aumento en 100 millóns das partidas destinadas á loita contra a violencia machista.

Mais a alternativa do BNG non pasa só por redistribuír as partidas xa programadas polo PP; senón tamén por incrementar os ingresos da facenda galega por medio de novos tributos que vaian na dirección contraria da política fiscal implementada nos últimos anos polos gobernos conservadores, reputada polas soberanistas galegas como contraria aos intereses das maiorías sociais.

A filosofía xeral da proposta fiscal do BNG remite para dous peares básicos: ir a unha "progresividade real" do IRPF e do Imposto do Patrimonio e eliminar as exencións "regresivas" introducidas polo PP ao tributo que pesa sobre as sucesións. Coas mudanzas pertinentes sobre estes gravames a facenda galega podería incrementar a súa recadación en 107 millóns de euros.

E no concreto, os cinco tributos de nova planta que propón o BNG, e que completarían os 190,6 millóns de ingresos estimados polos servizos técnicos da organización frentista, serían o imposto ás grandes superficies comerciais (recadación estimada, 30 millóns), un gravame para as bebidas con exceso de azucre (11 millóns), unha taxa aos servizos e comunicacións electrónicas a ser abonada polos operadores da telefonía (5 millóns), unha carga ás vivendas que leven máis de dous anos baleiras e que son propiedade de persoas xurídicas (36 millóns de euros) e un imposto ás redes de alta tensión para exportar enerxía eléctrica a outros territorios "polo seu impacto ambiental e visual" (1,3 millóns).

Comentarios