O 9M aprobará as candidaturas

O BNG pon en marcha a contra atrás para “recuperar a voz” no Congreso

Arranca a precampaña no Bloque tras a reunión extraordinaria do Consello Nacional que sentou as bases da preparación das eleccións xerais. O 9 de marzo o BNG aprobará as súas candidaturas.

FOTO CONSELLO NACIONAL BNG (1)
photo_camera [Foto: BNG] A Executiva do BNG durante a reunión do Consello Nacional

A recuperación da “voz propia” no Congreso e a apertura de portas “a todas aquelas persoas e colectivos que queren unha forza propia, sen ataduras” foron os fíos condutores da intervención perante os medios de comunicación de Ana Pontón, portavoz do BNG, durante a celebración da reunión extraordinaria do Consello Nacional, que acordou aprobar as listas ás Cortes Xerais do Estado o 9 de marzo. Unhas candidaturas, informou Pontón, “con persoas solventes, comprometidas, con amplitude de onda, e que sexan representativas da pluralidade da sociedade galega”.

Pontón insistiu na “oportunidade” que representa o 28 de abril para a forza nacionalista co fin de acadar representación no Congreso “sen ataduras e sen dependencias”, así como para “dar a cara” polas galegas e galegos e defender “os dereitos sociais e nacionais”.

O "exemplo de libro" da discriminación de Galiza foron “os orzamentos pactados polo PSOE con Podemos-En Marea cos investimentos máis baixos dos últimos 17 anos"

A portavoz do BNG puxo de manifesto que “o cambio de inquilino na Moncloa non foi máis que unha mera alternancia na discriminación co noso país” e lamentou que os partidos estatais demostrasen que “Galiza sempre pode esperar e ser a última carta da baralla”. Puxo como exemplos, entre outros, as subas na “estafa” das peaxes da AP9 oi a negativa a unha tarifa eléctrica galega. O exemplo “de libro” para a nacionalista foron “os orzamentos pactados polo PSOE con Podemos-En Marea, cos investimentos máis baixos dos últimos 17 anos”. “Unha vez máis, Galiza perde, mentres outros avanzan”, denunciou.

“Para acabar con ese centralismo que nos ningunea como nación, temos que facernos valer e iso só é posíbel cunha forza política propia, sen ataduras, sen sucursalismos madrileños”, advertiu Pontón, que erixiu o Bloque como alternativa nun escenario sen maiorías absolutas e onde “un, dous ou tres deputados ou deputadas do BNG son máis útiles para Galiza que 23 ao servizo de Iglesias, Casado ou Sánchez”.

Pontón: "No BNG hai sitio para todas as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón"

A dirixente nacionalista amosouse convencida de que o pobo galego “tomou nota” e subliñou que Galiza “non pode ficar fóra e desaparecida do debate das nacións sen Estado”. Citou as consecuencias: “atrancos ao desenvolvemento do noso tecido produtivo e do noso territorio ou o futuro da lingua”.

Ao igual que veu facendo nas últimas semanas, Pontón puxo énfase nas “portas abertas” e, neste sentido, sinalou que no BNG “hai sitio para todas as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón”.

Por último, a portavoz nacional do BNG apelou á “rebeldía” e á “esperanza” contra a política do medo. “Non temos nin queremos resignarnos a elixir entre o malo ou o peor. Escollamos o mellor para Galiza, escollamos BNG para garantir a defensa dos dereitos nacionais e sociais, as liberdades públicas, o feminismo e os valores republicanos”, concluíu.

Comentarios