BNG pide “responsabilidade” ao PSdeG para garantir garantir gobernos municipais alternativos ao PP

Indica que casos como os de Barreiros, Fene ou Viana do Bolo, onde indica que xa houbo contactos entre socialistas e populares, “xeran incertidume e son un acto de irresponsabilidade”.

FOTO CONSELLO NACIONAL BNG 8-6-2019

O BNG pide ao PSdeG que actúe con “responsabilidade” para garantir “gobernos municipais alternativos” naqueles concellos onde estes sexan posíbeis. É a apelación que a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, fixo aos socialistas após a xuntanza do Consello Nacional do BNG no que se analizou o escenario político post-26M.

Para a portavoz nacionalista,  casos como Barreiros, Fene ou Viana do Bolo, nos que  xa houbo contactos entre o PP e PSOE, xeran “incertidume e son un acto de irresponsabilidade por parte do PSdG”, trasladando unha mensaxe “moi decepcionante”  para veciñanza e votantes de opcións progresistas. O BNG garante o seu compromiso para evitar gobernos da dereita, dixo, mais aclarou que ten que existir “reciprocidade e altura de miras” por parte doutras forzas políticas

O 26M deixou para Pontón unha mensaxe clara, “os galegos e galegas apostaron por darlle máis peso ao nacionalismo nos gobernos municipais”. Dixo que o diálogo pode dar lugar a gobernos de coalición, en apoios á investidura, en apoios puntuais ou en facer oposición. “Todas as fórmulas son válidas e en todas nos sentimos cómodas”.

Na súa intervención, Ana Pontón anunciou que o BNG xa está traballando no “reto das eleccións galegas de 2020”. Neste sentido, avanzou que o BNG xa prepara un encontro  nacional de política municipal nos primeiro días de xullo e “unha grande mobilización social “o 25 de xullo, Día da Patria.

Comentarios