O BNG pide institucionalizar o Día da Galiza Mártir

Que as institucións públicas galegas honren a memoria de Alexandre Bóveda e das vítimas da ditadura cada 17 de agosto. Que o Estado anule as sentenzas de morte ditadas por razóns políticas, ideolóxicas ou de crenzas. Iso é o que pide unha proposición non de lei que leva a asinatura do parlamentar do BNG Luís Bará e que se acaba de rexistar no Parlamento da Galiza.

 

 

bará no Parlamento
photo_camera Bará, durante un pleno

A proposición non de lei de Bará vense sumar a iniciativas anteriores do Bloque. En febreiro de 2006, Francisco Rodríguez, na altura voceiro da formación no Congreso, conseguía que a cámara aprobase instar o goberno do Estado a que anulase o consello de guerra sumarísimo que sentenciou a morte Alexandre Bóveda. Nese mesmo ano, en decembro, o Pazo do Hórreo daba luz verde a un texto nacionalista en que se facía un recoñecimento expreso da figura do dirixente do Partido Galeguista. Eran tempos do bipartito e o Parlamento emprazaba o goberno galego a que xestionase perante o executivo presidido por José Luis Rodríguez Zapatero a revocación da farsa xudicial que rematou no fusilamento de Bóveda.

Trece anos despois, o BNG traslada á Cámara unha iniciativa que visa institucionalizar o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir e criar un premio que leve tamén esa denominación con vistas a distinguir persoas e entidades que batallen a prol da recuperación da memoria histórica. Aliás, a proposición tenciona  anular a sentenza de morte de Bóveda e, en xeral, os expedientes e sancións impostas durante a ditadura "contra cidadás e cidadáns galegos por motivos políticos, ideolóxicos, de crenzas, de raza ou diversidade sexual". O Bloque quer tamén que se programen actividades destinadas a "dar a coñecer a vida e a obra de Alexandre Bóveda e dos compañeiros e compañeiras de xeración que foron perseguidos e asasinados polo franquismo na Galiza".

Que desde a oficialidade da Xunta se ignore esta data, recuperada pola Galiza do exilio en Bos Aires en agosto de 1942, representa "un desprezo absoluto a Alexandre Bóveda e a todo o que simboliza", considera Luís Bará. A figura e o legado de quen, canda Castelao, foi o dirixente de maior peso do Partido Galeguista "deben ser obxecto de recoñecemento, de gratitude e de homenaxe polas institucións galegas, especialmente pola Xunta e polo Parlamento".

Comentarios