Política

BNG pide ao Goberno español que paralice a actividade económica "non imprescindíbel"

"Non é coherente dicirlle a poboación que quedar na casa salva vidas e que haxa miles de persoas que teñen que ir traballar en servizos non esenciais", sinala a portavoz nacionalista, Ana Pontón.

Ana Pontón durante unha reunión por videoconferencia (BNG).
photo_camera Ana Pontón durante unha reunión por videoconferencia (BNG).

"Co ánimo de aportar", o Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou unha "ampla batería de medidas", sintetizadas en seis liñas de actuación, que presentou á Xunta da Galiza para loitar contra o coronavirus. A proposta para "pechar aqueles lugares que son foco do virus para evitar que sigan actuando como difusores da pandemia, parar toda a actividade económica non imprescindíbel, realización de test masivos, reparto masivo de equipos de protección, plan de choque nas residencias de maiores e preparación das infraestruturas complementares que sexan precisas".

"É certo que se reduciu a mobilidade, pero non está garantido ao 100% e urxe facelo para minimizar o risco de propagación", salientou esta segunda feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. "O presidente do Estado facía onte mesmo unha afirmación que é certa: quedar na casa salva vidas. Sen embargo, hoxe miles de persoas teñen que ir a traballar en servizos non esencias", engadiu sinalando a contradición, "o tempo de medidas a medio gas, se existiu, xa pasou, e os intereses económicos das empresas non poden estar por diante da saúde das persoas".

"Non é coherente dicirlle a poboación que quedar na casa salva vidas e que haxa miles de persoas que teñen que ir traballar en servizos non esenciais", afondou a líder nacionalista, quen manifestou o apoio da súa formación á ampliación do estado de alarma, mais advertiu de que é necesario "corrixir" aspectos do decreto presentado polo Goberno de Pedro Sánchez e que o seu deputado no Congreso, Néstor Rego, aproveitará a necesaria convalidación na Cámara Baixa para tratar de modificar decisións como as adoptadas no ámbito sanitario que "non están a funcionar".

Aínda que Pontón non quixo entrar en máis detalles, si deslizou que as modificacións ás que se refire o BNG teñen que ver coa centralización das competencias sanitarias e a necesidade, ao seu entender, de pechar todos os centros de produción non esenciais.  

Así mesmo, a portavoz nacionalista reiterou o total apoio do BNG ao Goberno da Xunta en todas as medidas que permitan combater a pandemia da COVID-19. "O BNG está centrado no fundamental: salvar vidas. O resto, sendo moi importante, pasa a un segundo plano e mentres a curva siga escalando debemos dar o mellor e actuar coa máxima contundencia deixando de lado outras consideracións", apuntou.

Plan de choque para as residencias

Ana Pontón tamén se referiu á escasez de material de protección contra o coronavirus: "Se hai un problema de abastecemento desde o Estado a resposta non pode quedarse en mera denuncia, hai que preguntarse que podemos facer desde aquí como Goberno, sumar esforzos entre Administracións. Se hai empresas privadas capaces de comprar material ninguén entendería que un Goberno non teña esa capacidade. Insisto, sumar entre Administracións para conseguir por todos os medios o material necesario para que o persoal sanitario e o persoal de servizos sociais poida loitar contra o virus coa máxima seguridade".

Ademais, a líder do BNG apostou por "un plan de choque" para as residencias de maiores do país que pasa por realizar o test do coronavirus "ao 100% das persoas residentes" e a todas as traballadoras, así como a "intervención pública das residencias privadas".

Desta maneira, lembrou que hai arredor de 17.000 prazas en residencias na Galiza que son privadas ou concertadas, fronte ás 4.000 públicas. "E desde logo, hai que esixir ao Goberno do Estado que no reparto de fondos extraordinarios se teña en conta o elevado envellecemento da poboación na Galiza", demandou.

Comentarios