O BNG da Coruña desmárcase do proxecto de ampliación da avenida da Vedra -acordado polo concello e o Ministerio de Fomento- e pon en marcha unha campaña de mobilidade en prol do desenvolvemento do transporte público na cidade a través dun servizo de proximidade por tren e autobús. Desde o Bloque consideran que a ampliación da principal vía de entrada na cidade só beneficiaría s empresas adxudicatarias da obra.
A formación nacionalista vén de publicar nas súas redes e plataformas un vídeo con Avia Veira, concelleira en María Pita, que “desmonta a teoría do colapso permanente” na avenida da Vedra. A gravación, que recolle o tránsito da rúa en distintos horarios e tramos ao longo dun mes, amosa unha circulación fluída de vehículos. Para o BNG, o proxecto de ampliación “responde a intereses especulativos de Audasa, defendidos polo PP e o Ministerio de Fomento”.
Con esta campaña de mobilidade, o BNG pretende amosar a necesidade dun transporte público intermodal “adecuado ás demandas reais da veciñanza”, co fin de axilizar as comunicacións entre a cidade e os concellos da comarca, alén do fomento doutro tipo de medios como a bicicleta ou o transporte marítimo.
Pola súa parte, o alcalde Xulio Ferreiro (Marea Atlántica) advirte que é necesario solventar os problemas da avenida, especialmente nos seus accesos cara ao Polígono de Pocomaco e o Parque Ofimático, e insiste en que non se trata só dun plano de ampliación, senón da “remodelación, actualización e humanización” da vía.
.