BNG e En Marea rexistran conxuntamente a petición dunha comisión de investigación sobre o sinistro do Marisquiño

O PSdeG declinou respaldar este movimento conxunto das formacións lideradas por Pontón e Villares. De acordo co regulamento da cámara, a iniciativa para a constitución dunha comisión non permanente para o estudo dunha materia concreta poden tomala dous grupos parlamentares conxuntamente. O acordo teno que tomar a Mesa, controlada polo PP.

Dársena do Paseo das Avenidas após o accidente (Foto: arquivo 112).
photo_camera A pasarela do Náutico após o seu esboreamento

En Marea (14) e BNG (6) non reúnen por si sós suficientes parlamentares para, contra o criterio da maioría, forzar a constitución dunha comisión de investigación. De acordo co regulamento, criaríase automaticamente se así o demandase un terzo das e dos deputados (25) sempre que pertencesen a un único grupo ou 2/5 das e dos parlamentares (30) se fixesen parte de dous grupos (como é o caso).

Portanto, a constitución da comisión de investigación dependerá da vontade política do PP, tocado politicamente polo asunto sendo que a persoa que encabeza a Autoridade Portuaria de Vigo é o ex conselleiro popular Henrique López Veiga. Porén, o PP podería acabar apoiando a iniciativa, visando erosionar a figura de Abel Caballero, alcalde da cidade olívica.

Ana Pontón, a líder do BNG, defende tamén a convocatoria urxente da Deputación Permanente e a comparecencia en pleno do presidente da Xunta para "dar conta dos feitos, analisar as responsabilidades e tomar as medidas oportunas para evitar que sinistros destas características poidan repetirse", afirma a formación frentista nun comunicado de imprensa.

Comentarios