Política

O BNG está "en marcha" para as eleccións galegas

O BNG lanza a candidatura de Ana Pontón á Presidencia da Xunta nun acto este domingo en Compostela co lema "Galiza en marchA!"
Olalla Rodil e Xavier Campos co cartaz electoral (Europa Press)
photo_camera Olalla Rodil e Xavier Campos co cartaz electoral (Europa Press)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) comeza este domingo a súa andaina cara as eleccións galegas deste ano, e o fará cun acto que dará comezo a unha "longa e intensa" precampaña no que se presentará o "proxecto político" do partido "en clave progresista" que "non pasa por máis Madrid, senón por máis Galiza".

Así o anunciaron hoxe os responsábeis da área de comunicación da Executiva Nacional do BNG, Xavier Campos e Olalla Rodil. Campos trasladou que no evento "masivo" do domingo presentarase á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como a candidata do partido para a presidencia da Xunta.

Segundo os nacionalistas, "hai unha maioría transversal de votantes de diferentes partidos que queren un país diferente" e que só o conseguirán coa "aposta pola modernización, o desenvolvemento económico, a cohesión social e a defensa de autogoberno" que abandera o BNG.

E é que, a xuízo de Olalla Rodil, Ana Pontón e o partido "están preparadas" para "liderar" o novo tempo no que conseguir todas esas metas propostas para Galiza. Pero é que, ademais, que o BNG se situase como primeira forza política tamén aseguraría "o fin da triste historia de submisión do PP" a Génova e "aos seus intereses", sinalaron.

Comentarios