Rubén Arroxo Fernández, candidato do BNG á Alcaldía de Lugo

"O BNG liderou a oposición en Lugo, sempre en clave positiva e propositiva"


Arquitecto técnico pola UDC e adestrador deportivo nivel 3, Rubén Arroxo (Lugo, 1985) é o portavoz do grupo do BNG no concello de Lugo e é o candidato á Alcaldía. Traballou, desde moi novo, como monitor deportivo e de tempo libre e ten colaborado con proxectos arquitectónicos. Afirma que após moitos anos militando no BNG e Galiza Nova, “sei que o concello de Lugo pode transformarse para mellorar a calidade de vida das persoas que aquí vivimos”. Responde a este cuestionario a través do correo electrónico.
 

Rubén Arroxo (1)
photo_camera Rubén Arroxo

Que supuxeron estes catro anos para Lugo?

Durante estes catro anos o concello de Lugo viviu unha situación de parálise total. Esta situación só fixo que a veciñanza de Lugo tivese que ver como a cidade empeoraba o seu estado pouco a pouco. Por poñer un exemplo, nestes catro anos só se repintaron 52 pasos de peóns, tendo moitos na cidade que están practicamente borrados, e igual que este, poderíanse poñer moitos máis exemplos sobre o pésimo estado de mantemento da cidade. Outra das mostras da parálise foi a falta de investimentos deste goberno do PSOE, un exemplo, os 12,5 millóns de fondos europeos do programa EDUSI (de desenvolvemento sustentábel) dos que non se investiu nin un euro na cidade.

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

Ben, como xa dixen antes, o concello, tanto a cidade como máis aínda o rural, viviron unha situación de parálise total. Houbo unha total falta de pulso político para dirixir o concello e para impulsar iniciativas. Foron catro anos perdidos do que puido ser un período frutífero para Lugo. A maior parte dos orzamentos quedaron sen executar por esa falta de proxecto político.

E o traballo realizado polo seu partido?

Desde o BNG estivemos estes catro anos traballando con propostas realistas, que atenderon as necesidades das veciñas e veciños, e que se corresponden ao noso modelo de cidade. As poucas actuacións que o goberno municipal levou a cabo foron propostas do BNG, como por exemplo a limitación a 30 Km/h da Rolda da Muralla ou a creación de aparcadoiros disuasorios. Tamén foi salientábel o traballo feito co tecido social, nos barrios e nas parroquias. Pódese dicir que lideramos a oposición do concello, sempre en clave positiva e propositiva.

Cal é a principal necesidade de Lugo?

A principal necesidade é que Lugo funcione. Para isto debemos levar a cabo iniciativas que fagan que a veciñanza de Lugo recupere a ilusión. Medidas como mellorar o transporte público, que leva anos con rutas desactualizadas, ou o mantemento das instalacións e infraestruturas son necesarias para conseguir o Lugo que queremos.

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?

Desde o BNG xa anunciamos hai tempo que a nosa primeira medida será a creación dun plan de compostaxe na cidade, mais cremos que as nosas medidas deben ir en conxunto para facer que Lugo funcione. Medidas que historicamente presentou o BNG, como as zonas públicas de baño no río Miño serán importantes, mais o noso compromiso con Lugo é a longo prazo, como por exemplo conseguindo que en 8 anos de goberno do BNG en Lugo, todo o entorno da muralla poida ser peonil.

Comentarios