O BNG leva ao Parlamento o primeiro proxecto de lei de memoria histórica galega

Memoria histórica democrática de Galiza é o texto lexislativo que esta cuarta feira presentou á prensa o deputado do BNG Luís Bará. Resarcimento das vítimas do franquismo, recuperación de bens espoliados pola ditadura e a anulación de xuízos e condenas franquistas son os eixos vertabradores da proposta.
 

Luís Bará
photo_camera O deputado do BNG Luís Bará, na presentación do proxecto de lei de memoria histórica galega. Foto: BNG.

“A norma do BNG insírese no marco de normas inetrnacionais para a promoción e a protección dos dereitos humanos mediante a loita contra a impunidade”, indica Bará, para quen as institucións galegas “deben amosar unha postura clara de condena do golpe de Estado do 36, da ditadura franquista e da represión que sufriron miles de galegas”.

A norma que o Bloque levará a pleno no Parlamento de Galiza inclúe a creación dunha Comisión da Verdade, dunha Oficina de Atención ás Vítimas, dun Instituto da Memoria Histórica galega, dun censo de vítimas, dun banco de ADN e mais a localización e exhumación de restos das mesmas. Ademais, cómpre unha listaxe de símbolos, expresións e monumentos de exaltación do golpe e da ditadura para proceder á súa eliminación.

O proxecto de lei consta de 69 artigods. “Busca a continuidade no tempo, a normalización a través do coñecemento histórico e baixo unha perspectiva de xénero”, explicou o parlamentario nacionalista, para quen a norma supón “a limpeza dos pozos negros da Transición”. Bará lembrou a maiores que nin PP nin PSOE amosaran “intención de recuperar os bens espoliados pola familia Franco: o Pazo de Meirás, a Casa de Cornide, as figuras do Pórtico da Gloria”.

Segundo Luís Bará, é o PP o que, sobre todo, “debe decidir de que lado está”. “No debate desta lei ten a oportunidade de dar un paso adiante para frear o proceso de involución e saír do armario da historia do franquismo”, concluíu.

Comentarios