O BNG lanza unha petición para evitar que Vox participe no debate na TVG

As nacionalistas recorren á web change.org para sumar apoios a unha demanda que evite que “un partido de extrema dereita que defende posicións franquistas” utilice os medios públicos galegos para difundir a súa mensaxe.
antivox
photo_camera A petición, en change.org

Os destinatarios da petición do Bloque en change.org son a Junta Electoral Central, Santiago Abascal, Vox e a CRTVG. O debate está previsto para mañá, sexta feira, a partir das 10 horas no espazo Bos días, da Televisión de Galiza, e emitirase pola Radio Galega. As formacións convidadas pola dirección da CRTVG son o PP, o PSOE, En Común-Unidas Podemos, Ciudadanos, o BNG e Vox. Mais desde o Bloque cuestiónase a decisión da Xunta Electoral da Coruña (XEC) de considerar Vox como grupo político significativo na Galiza.

“Queremos manifestar o noso absoluto desacordo”, din as nacionalistas. “En Galiza, Voz ten cero concelleiros e cero deputados”, lembran na petición, e sinalan que a formación de Santiago Abascal é “un partido de estrema dereita que defende posicións franquistas, racistas, contrarias aos dereitos das mulleres, que quere acabar coas institucións galegas e prohibir os usos oficiais da nosa lingua e que ameaza coa ilegalización das forzas políticas democráticas que, como o BNG, defendemos o dereito das nosas nacións a existir e a decidir”.

Por iso, piden a cidadanía que asinen a petición para que Vox non participe no debate da TVG. E animan o debate nas redes cos hashtag #StopVOX #DebateTVG

Desde Vigo, tras participar nun encontro con representantes do sector da automoción e das auxiliares, a portavoz nacional, Ana Pontón tamén se refería a este asunto. “É un disparate que esa extrema dereita poda seguir branqueando o seu discurso antidemocrático e de odio na TVG, e parécenos un despropósito que a XEC permita debater a unha forza que non ten ningunha implantación en Galiza”, alegou.
 

Comentarios