O BNG lanza unha campaña social a prol do concerto económico

AnaPontonRP

O BNG lanza unha campaña social a prol do concerto económico

O obxectivo é que Madrid "deixe de facer caixa con Galiza", explicou Ana Pontón. A proposta do concerto económico centrará o traballo político do BNG no novo curso político.

O concerto é a ferramenta necesaria para concretizar as mudanzas que Galiza precisa e para ter garantías de suceso á hora de enfrontar os tres desafíos básicos que, segundo o BNG, o país ten por diante: a blindaxe dos servizos públicos, a criación de emprego e a loita contra a violencia machista.

Sen concerto económico -isto é, sen que Galiza recade todos os impostos e transfira a Madrid só o custo dos servizos que o Estado español empresta ao país- non hai recursos materiais para desenvolver políticas de ruptura co modelo económico e social do neoliberalismo centralista español, interpreta o BNG.

Ana Pontón -que compareceu esta segunda feira en conferencia de imprensa para apresentar as prioridades que o BNG se marca para o novo curso político- advoga por un novo sistema de financiamento para Galiza "en que o Estado deixe de facer caixa con Galiza, porque a diferenza entre o que recada e despois inviste aquí arroxa un déficit de 3.000 millóns de euros anuais".

O actual modelo, alegou a portavoz nacional do BNG, ten feito perder a Galiza por volta de 9.000 millóns de euros. "Un concerto económico blindaría os recursos para política social e servizos públicos porque evitariamos ser vítimas das arbitrariedades e das chantaxes do Estado, como impoñer subidas no gasto militar ou que cada galega e galego teñan que pagar 50 euros para resgatar as radiais madrileñas, mentres seguen os recortes e a estafa das peaxes", dixo Pontón.

Criación de emprego como prioridade

Nesta materia, o BNG pon en foco no potenciamento das políticas de I+D+i, en dous sentidos, no de as orientar cara aos "sectores básicos" e non de as dirixir tamén á procura de "novos nichos de emprego", coa duplicación do investimento en áreas como a biotecnoloxía, a robótica e as tecnoloxías de transformación alimentaria.

Nese sentido, Pontón denunciou que o goberno Feijóo ten virado as costas ao I+D+ì, o que tería resultado en que desde a súa chegada a Monte Pío o país tería perdido "973 empresas con actividades innovadoras".

Pacto galego contra terrorismo machista

Sobre esta prioridade do traballo do BNG para 2017, Pontón reiterou a proposta de elevar de 5 a 95 millóns de euros as partidas previstas no orzamento da Xunta para financiar o combate contra a violencia machista, ben como anunciou que no primeiro pleno deste novo período de sesións a formación soberanista proporá medidas concretas como a implantación de xulgados específicos en todas as cidades e a mellora do mecanismo de avaliación de riscos de sofre violencia de xénero. A este último respeito, Pontón explicou que o actual sistema -en forma de test- non funciona correctamente, como demostraría o feito de que a metade dos casos foron desestimados ao non se ter detectado unha situación de risco.

O BNG pide aínda que se faga unha avaliación da lei galega contra a violencia machista, que se inclúa nela o termo feminicidio, que se aprobe o Estatuto da Vítima e que se abran todos os meios e programas de axudas a todas as mulleres vítimas da violencia machista.

Comentarios